Pestanas principais

O Concello de Ames dálle vía libre ao campo de golf do Real Aero Club de Santiago

Martes, 27 de decembro de 2011

[27-12-2011] A Xunta de Goberno Local dálle vía libre ao novo proxecto do campo de golf que está construíndo o Real Aero Club de Santiago na parroquia amiense de San Mamede de Piñeiro. Segundo o proxecto, a superficie do terreo supera os 600.000 metros cadrados. A decisión tomada na Xunta de Goberno Local conta coa autorización autonómica do Servizo de Urbanismo, da Xefatura Territorial da Consellería de Medio ambiente, Territorio e Infraestruturas, con data do 10 de outubro de 2011 para actividades de carácter deportivo.

As instalacións cumpren tamén coas esixencias establecidas no regulamento xeral de policía de espectáculos públicos e actividades creativas e conta cos informes favorables dos servizos xurídicos e técnicos dos distintos departamentos. O futuro campo de golf cumpriu todos os trámites de información pública, tal e como dispón o Real decreto 2816/1982 do 27 de agosto. O expediente estivo exposto nas oficinas de urbanismo do Concello de Ames e saíu tamén publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Ninguén presentou alegacións.

Proxecto de vangarda para Ames

As instalacións do proxecto que o Real Aero Club de Santiago realizará en Ames abarcarán unha gran cidade deportiva onde se practicarán múltiples disciplinas deportivas, pero onde tamén haberá moita actividade social. No que se refire ao campo de golf, o proxecto contempla un campo de dezaoito buratos, creado por Alfonso Vidaor, un especialista neste tipo de superficies e tamén golfista profesional. Estas instalacións conforman unha obra moi importante que vai axudar a dinamizar o Concello de Ames.

O terreo de actuación son 62 hectáreas e, o monte que está rústico, será unha verdadeira alfombra verde, con 18 buratos, par 72, que é o par moderno. Haberá restaurantes, cafetarías, spa, tenis, pádel, campo de fútbol e o campo de golf. Para desenvolver este proxecto o Real Aero Club de Santiago chegou a un acordo coa empresa Green Proyect, que capitanea o enxeñeiro Alfonso Vidaor.

A Xunta de goberno local tamén aprobou varias segregacións de parcelas. Dúas en Carballido, que se segregaron cada unha en tres parcelas, e outras dúas en Lapido, das cales resultaron dúas novas parcelas. Tamén se deu unha licenza de obra maior para a modificación dunha vivenda.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames concede licencia para la obra pendiente del campo de golf"
El Correo Gallego: "El gobierno de Ames desbloquea el futuro campo de golf de Piñeiro"