[10-04-2017] Dolores Vilavedra, Manuel Portas e Ismael Ramos serán os encargados de xulgar os 127 traballos que se presentaron ao XIV Certame Literario de Ames nas modalidades de narrativa e poesía. A decisión dos membros do xurado anunciarase o 10 de maio e os premios serán entregados o día 16 do mesmo mes nun acto que se desenvolverá na casa da Cultura do Milladoiro. Dáse a circunstancia de que os tres membros do xurado están vinculados a Ames. A profesora Dolores Vilaverda e o escritor Manuel Portas viven no concello e o poeta Ismael Ramos foi gañador en varias ocasións de premios, tanto na modalidade de narrativa como na de poesía, no Certame Literario de Ames.
A profesora e crítica literaria Dolores Vilavedra Fernández exerce o seu labor docente na Universidade de Santiago de Compostela. Ademais forma parte do consello de redacción da revista Grial e dirixe a sección de crítica literaria. Coordinou o Diccionario da literatura galega que publicou Galaxia. Ademais é colaboradora asidua de medios de comunicación, entre os que destaca a súa presenza durante moitos anos no Diario Cultural da Radio Galega. Autora de numerosos ensaios, entre eles “A narrativa galega de fin de século”, cómpre salientar tamén o seu labor como tradutora ao castelán dunha boa parte da obra de Manuel Rivas e de Suso de Toro.
Manuel Portas Fernández é profesor e escritor. Desde 1987 exerce o seu labor como docente no Instituto Xelmirez de Santiago de Compostela, onde contribuíu en gran medida á galeguización do centro. No mundo do idioma, ademais de desempeñar postos na dirección da Associaçom Galega da Língua, foi membro da comisión fundadora da Mesa pola Normalización Lingüística e participou na súa fundación. En 2010 publicou a súa primeira novela, Denso recendo a salgado. A última, Lorenço Xograr, acadou o Premio García Barros no ano 2015.
Ismael Ramos Castelo é filólogo e poeta. Dáse a circunstancia de que Ismael acadou varias veces premios tanto de narrativa como de poesía no Certame Literario de Ames. Ademais a súa obra “Hábitat/Interferencias”, foi galardoada co XVI Premio Francisco Añón, no ano 2013 e o poemario “Os fillos da fame” acadou o XVIII Oremio Johán Carballeira, no 2016. Textos seus viron a luz en revistas como Dorna, Grial ou Luzes. Na rede, mantivo o blog Interferencias e actualmente escribe en O triste Stephen.
O xurado terá que valorar 68 poemas. 11 destas obras compiten na primeira categoría á que se presentan nenos e nenas de menos de ata 13 anos, 5 na segunda que corresponde aos traballos dos rapaces e rapazas que teñen entre 14 e 18 e 52 na terceira á que se presentan os/as maiores de 18 anos. Tamén terá que avaliar o xurado os 50 traballos que se presentaron na modalidade de narrativa e que se distribúen en 8 na primeira categoría, 7 na segunda e 14 na terceira.




