[22-04-2011] A Xunta de Goberno local vén de aprobar o decálogo de accións para impulsar o I Plan Municipal de Drogodependencias do Concello de Ames. Estas accións están baseadas na experiencia e o coñecemento do problema das drogodependencias, tanto do propio Concello, como dos profesionais e organismos consultados (caso do Observatorio Europeo das Drogas e Toxicomanía). Entre as medidas que se porán en marcha cóntase, ademais da elaboración do propio Plan Local de drogodependencia, coa cooperación intermunicipal e interinstitucional, coa especial atención nos diversos tramos educativos e coa implicación familiar, entre outros aspectos.
As corporacións locais son as administracións que máis próximas se atopan da cidadanía e, polo tanto, as que están en mellor posición para identificar os seus problemas e responder con celeridade a eles. Con este convencemento, a Xunta de Goberno local aprobou o decálogo de accións para impulsar o I Plan Municipal de Drogodependencias do Concello de Ames. Estas accións baséanse na experiencia e máis no coñecemento do problema das drogodependencias que posúe o propio Concello e os profesionais e organismos consultados, como foron o Observatorio Europeo das Drogas e as Toxicomanías, a Estratexia Europea en materia de loita contra a droga (2005-2012), o Plan Nacional drogas (2009-2012), o Plan de Drogodependencias e Trastornos adictivos (2011-2016) da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia ou a Fundación Galega contra o Narcotráfico, entre outros.
O decálogo contempla tanto a elaboración do I Plan local de prevención e acción fronte as drogodependencias como unha serie de medidas para incrementalo de xeito eficaz. O plan permitirá establecer os principios xerais e específicos de actuación, a execución de programas e accións destinados á busca de solucións e estratexias para a prevención e as problemáticas existentes e derivadas do uso e abuso de drogas en Ames.
O consumo de drogas experimentou en Galicia, ao igual que no resto de España, un rápido crecemento dende mediados dos anos setenta. Un proceso que estivo favorecido pola irrupción no mercado dunha variada oferta de drogas ilícitas e, fundamentalmente, pola incorporación de adolescentes, mozos e mulleres ao consumo de sustancias como o tabaco ou o alcohol. En consecuencia, é misión do Concello fomentar, protexer e contribuír á mellora da saúde da poboación, loitando contra o consumo das diferentes drogas e a mortalidade, morbilidade e os problemas sociais relacionados co uso, abuso e dependencia.
O decálogo contempla a necesaria formación básica e continuada dos profesionais dos servizos sociais e sanitarios. Así, desenvolveranse accións formativas dirixidas aos responsables e técnicos do Plan Local de Drogodependencias. Buscarase facilitar a actualización de coñecementos respecto ás adiccións e aos problemas sociosanitarios asociados ás mesmas, para o cal levaranse a cabo cursos monográficos sobre drogodependencias e outras adiccións para profesionais da saúde, servizos sociais, seguridade e mocidade.
Coordinación intermunicipal e institucional
A transmisión de coñecemento, a unión e a colaboración entre concellos pode ser unha das medidas máis útiles e efectivas que se poden implantar. Así o decálogo fai fincapé na coordinación e cooperación intermunicipal e institucional. Fomentarase a coordinación e cooperación entre as distintas administracións internacionais, estatais, autonómicas e locais, así como con outros órganos, asociacións e servizos. Promoverase tamén a participación social e a coordinación e cooperación coas entidades privadas que traballan nos ámbitos da prevención, asistencia, incorporación social, formación e investigación das drogodependencias. Para garantir todo o anterior, impulsarase un órgano ou comisión permanente que actúe como lugar de encontro.
Pero a batalla contra as drogas non pode darse só desde as institucións. Consciente disto, o decálogo inclúe programas preventivos escolares, familiares, xuvenís, laborais e comunitarios, intentando inserir na loita contra as drogodependencias á maior cantidade posible de axentes sociais e máis achegadas ás persoas con dependencias. Na escola poderanse concentrar esforzos de prevención contextualizando as actuacións na educación e na promoción da saúde que se dan nestes centros. Tamén a implicación da familia no proceso preventivo, tanto en relación ao ámbito educativo como ao comunitario, é fundamental.
Ámbito familiar
A familia ten un papel insubstituíble en aspectos como o fomento da autoestima e do sentido da responsabilidade nos seus fillos e fillas. A investigación mostra que os país teñen que ter un papel activo na vida dos seus fillos, falando con eles sobre as drogas e vixiando as súas actividades, condutas e actitudes. Tamén debe prestarse especial atención á adolescencia, unha época de maior risco. É fundamental a promoción de actividades de ocio e tempo libre, de defensa de hábitos de vida saudable. O decálogo tamén contempla o traballo nos ámbitos comunitario (campañas nos medios de comunicación, novos regulamentos...) e laboral, incluíndo a dispoñibilidade de tempo para os traballadores con condutas de consumo para asistir a programas de prevención e tratamento.
Unha das vantaxes das drogas é o alto grao de aceptación social como alternativa de ocio. Para combater esta percepción, o decálogo contempla a oferta de diferentes actividades de ocio como son a práctica deportiva ou diversas actividades de orde artística e cultural que enriquezan á persoa. Tamén se fai fincapé na necesidade de desenvolver xornadas, cursos, seminarios e todo tipo de encontros de sensibilización e formación sobre os trastornos aditivos e a saúde.
Cumprimento da normativa vixente
Contémplase ademais a elaboración e posta en marcha de medidas de control e limitación da oferta e dispoñibilidade de drogas, tanto das legais como das ilegais. Deberase velar polo cumprimento da normativa vixente, poñendo especial énfase no referente ao consumo de drogas en espazos públicos como ocorre no botellón. Ademais, por regra xeral, o sistema de xustiza penal contempla os traballos sociais e comunitarios dos consumidores de drogas. Deberase de fomentar a formación de traballadores para poder realizar unha proveitosa xestión tanto na admisión como na axeitada integración destas persoas. É necesaria tamén a cooperación da Policía local e outras forzas de seguridade do Estado, así como de inspectores de Sanidade, sobre todo nas inmediacións dos centros educativos.
Pero, sobre todo, cómpre ter en conta que a drogodependencia é unha enfermidade, e como tal debe combaterse. Polo tanto, a persoa dependente debe ser axudada con medidas tendentes á reinserción social e non punitivas. Por iso, débese promover o acceso a plans de formación profesional e de emprego co obxectivo de rematar coa situación de exclusión e marxinación social.
O Concello de Ames lanza este decálogo co firme propósito de combater as drogodependencias en Ames, co convencemento a maiores de que a prevención é máis útil que todo o que se poida facer despois, incluíndo os tratamentos contra o uso de drogas e as orientacións psicolóxicas.
Os dez principios nos que se basea este plan son a elaboración do I Plan local de prevención e acción fronte as drogodependencias; a formación dos traballadores e técnicos; a coordinación e cooperación intermunicipal e institucional; a posta en marcha de programas preventivos escolares, familiares, xuvenís, laborais e comunitarios, acadando o seu mantemento no tempo e a estabilidade dos profesionais; a oferta de actividades alternativas de ocio; a realización de actos públicos de sensibilización; a elaboración e posta en marcha de medidas de control e limitación da oferta e dispoñibilidade de drogas, tanto legais como ilegais; o cumprimento das sancións e penas alternativas; a execución da función inspectora e da potestade sancionadora; e procurar a integración social.




