Pestanas principais

O Concello de Ames creará o Observatorio municipal de educación como órgano consultivo e de participación coas ANPAS dos centros de ensino públicos

Sábado, 01 de agosto de 2015

[01-08-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, reuníronse esta semana con representantes das nove ANPAS dos centros de ensino públicos do Concello de Ames, para analizar a relación de necesidades educativas que teñen de cara ao curso 2015-2016. Esta reunión convocouse seguindo a premisa de diálogo e transparencia que está mantendo o goberno municipal. Segundo o rexedor municipal “foi unha xuntanza moi produtiva e necesaria na que se lle informou as ANPAS do resultado do encontro mantido a semana pasada co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e co secretario xeral da consellería”.

En primeiro lugar abordouse o tema da seguridade viaria nos centros de ensino amesáns. Deste xeito, déuselle traslado ás ANPAS do IES de Bertamiráns e do CEIP da Maía das actuación que xa están en marcha neste eido, como son a retirada da pasarela da estrada AC-544 e a colocación dun paso de peóns, debidamente sinalizado, e un semáforo con pulsador para que os viandantes que queiran cruzar esta estrada non teñan máis que premer no botón do devandito semáforo.

Asemade, estase estudando a posibilidade de instalar a dársena de autobuses do IES de Bertamiráns dentro do recinto do pavillón municipal. Así, o alumnado do instituto accedería a este centro por unhas escaleiras que están ao carón do campo de fútbol municipal (pola parte traseira do IES). Esta medida permitiría liberar espazo na actual dársena, que está diante do CEIP A Maía, para que sexa utilizada integramente polo alumnado deste colexio. Este é unha antiga solicitude das ANPAS deste dous centros de ensino a que se lle daría cumprimento.

O Concello tamén instou á Xunta de Galicia para que instale outros dous semáforos no paso de peóns que está en fronte ao CEIP da Maía, co obxectivo de que os vehículos paren cando os viandantes crucen a estrada AC-544. Así solucionaríase o problema de seguridade viaria que hai nesta zona onde xa houbo algún atropelo nos últimos anos. Estas medida reforzaríanse cunha patrulla escolar, que estaría operativa no memento de entrada e saída do alumnado.

O apartado de seguridade viaria tamén lle afecta ao alumnado do CEIP de Barouta. No caso deste centro informouse a ANPA de que se vai solicitar unha xuntanza coa consellería de Infraestruturas, para que coloque a correspondente sinalización neste lugar. Tamén se pretende que haxa controis de velocidade na contorna deste colexio para minorar a velocidade dos vehículos que circulan por esta estrada.

Ademais, o Concello de Ames comprometeuse, a través dos departamentos de Obras e de Educación, a levar a cabo un plan de revisión e mantemento das instalacións do centros de ensino antes do vindeiro curso escolar. Neste senso, o concelleiro de Educación, David Santomil, explicou que “xa se realizaron visitas as distintos centros do municipio para ver as deficiencias que presentaban de cara ao inicio do curso no mes de setembro”.

Dotación do IES Milladoiro
O goberno reiterou o seu compromiso e apoio á comunidade educativa do Milladoiro. No que se refire á dotación de material para este centro o goberno municipal informou ás ANPAS do IES Milladoiro, que dende a dirección do instituto lle comunicaron que a pasada semana a Xunta de Galicia enviou un primeiro lote de material para o departamento de física e química, así como material fotográfico. Ademais, esta mesma semana recibiron novo material tecnolóxico co obxectivo de completar este lote durante o primeiro trimestre do curso 2015-2016. Por último, vaise a sacar a licitación o servizo da cafetería do IES.

Por outra banda, o Concello está traballando, a través do departamento de Urbanismo, para dotar a este IES dunha estrada de emerxencias pola parte traseira do centro e tamén para asfaltar a zona traseira do instituto que conecta coa estrada que vai cara Ventín.

Observatorio Municipal de Educación e Mapa de necesidades educativas
O goberno municipal vai iniciar unha nova etapa de diálogo e participación coas ANPAS en todo o que afecta aos centros de ensino públicos. Seguindo esta liña de traballo crearase o Observatorio municipal de educación como órgano consultivo e de participación. Este Observatorio estará composto polas ANPAS, os directores e directoras dos centros públicos de ensino, representación do alumnado, o goberno municipal, os grupos políticos municipais da oposición, e expertos en materia educativa, entre outros membros. A idea que ten o executivo amesán é comezar a redactar un borrador de regulamento no mes de agosto coa finalidade de estar operativo no primeiro trimestre do vindeiro curso 2015-2016.

Outra das primeiras iniciativas no eido educativo que se desenvolverán durante este novo mandato será a elaboración dun Mapa de necesidades educativas de Ames. Trátase dunha ferramentas de planificación con datos demográficos, cartografía e división por zonas para valorar a ampliación ou construción de novos centros de ensino. Así, o Concello dotaríase cunha ferramenta para coñecer as necesidades de ampliación de cada un dos centros de ensino. Neste senso a ANPA do IES de Bertamiráns reclamou a construción dun novo edificio no lugar no que se atopa unha pista polideportiva. Neste edifico construiríase un novo salón de actos, e o salón actual dedicaríase a dúas aulas.

Tamén se está traballando nun posible convenio coa consellaría de Educación para pechar as pistas polideportivas do CEP de Ventín, do IES Milladoiro, dos CEIP de Barouta e A Maía, así como da EEI Milladoiro. Estas pistas pecharíanse con lonas especiais que non permiten a entrada de auga e vento. Ademais, da mellora destas instalacións, isto permitiríalle ao Concello dispor de novas instalacións para albergar as actividades das Escolas deportivas municipais e diferentes actividades extraescolares.

Por último, neste encontro acordouse manter unha nova xuntanza coas ANPAS no mes de setembro para afondar en todos estes asuntos e facer un seguimento das necesidades que haxa dende o inicio do curso. Tamén está previsto realizar unha reunión na estean as ANPAS e a empresa de monitoraxe dos comedores escolares sobre o inicio deste servizo municipal.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "El gobierno de Ames creará el Observatorio de educación para la participación de las ANPAS"
La Voz de Galicia: "Educación envía parte del material demandado al instituto de Milladoiro"
El Correo Gallego: "El Instituto do Milladoiro va a tener clases digitales y recibe medios"