[15-03-2012] Coa finalidade de incentivar o consumo responsable de auga ante a situación provocada pola escaseza de chuvias, o Concello de Ames decidiu crear unha comisión interdepartamental para facer un seguimento da seca e avanzar naquelas medidas preventivas que permitan anticiparse a posibles complicacións. O alcalde de Ames, Santiago Amor, presidiu esta mañá a primeira xuntanza de traballo desta comisión na que participaron tamén a concelleira de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade, Eugenia Martín; o concelleiro de Vías, Obras, Parques e Xardíns, Alfredo Taboada; técnicos municipais e representantes das empresas concesionarias Urbaser e Espina & Delfín.
Segundo os datos obtidos por esta comisión, o abastecemento de auga no Concello de Ames está garantido neste momento pero é preciso avanzar xa nas liñas de traballo a curto prazo para facer fronte a un escenario adverso. Neste sentido, débese sinalar que a falta de precipitacións das últimas semanas provocou que as condicións de abastecemento neste mes de marzo sexan similares ás de maio do pasado ano. Segundo manifestou o alcalde de Ames, Santiago Amor, debido á situación de seca actual "non se pode agardar a que chegue o verán para adoptar medidas de prevención, hai que traballar con realismo e pensando xa en actuacións concretas".
Deste xeito, o Goberno municipal decidiu proceder a analizar en detalle cales son os mecanismos que permitirán reducir e racionalizar o consumo de auga desde o propio Concello. Deste xeito, vaise realizar un estudo para detectar en que puntos se produce o máximo consumo de auga na rega e se avaliará unha posible revisión do caudal dos aspersores e mangueiras. Ademais, estudarase o impacto positivo que ocasionarían medidas de aforro como, nun primeiro momento, reducir ou alternar o baldeo das rúas. Como dato, baste sinalar que o Pazo da Peregrina supón un gasto trimestral de auga de 61.825 litros mentres que o do paseo fluvial é de 44.214 litros tamén cada tres meses.
Doutra banda, a Concellería de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade está a avanzar, en colaboración coa Dirección Xeral de Emerxencias, Augas de Galicia e a empresa concesionaria do servizo, na planificación de futuras accións encamiñadas a garantir o abastecemento en todo o concello, aínda que a escaseza de chuvias se prolongue no tempo. Entre estas medidas abordarase a posible utilización das canalizacións xa executadas da Estación de Tratamento de Auga Potable, que se está construíndo en Lens, para garantir o abastecemento captando auga do río Tambre.
O Concello de Ames quere subliñar a importancia da colaboración cidadá para facer, tamén a nivel individual, un consumo responsable da auga. Deste xeito, incidirá a través dunha campaña informativa nos beneficios e na necesidade dun uso racional do recurso ao longo de todo o ano pero, especialmente, neste período de seca.




