[11-03-2019] O Concello de Ames, a través da concellaría de Servizos Sociais e Igualdade, convoca, ás 12.00 horas, unha concentración diante da Casa do Concello, en Bertamiráns, e diante das oficinas municipais do Milladoiro en repulsa do caso de violencia machista que ocorreu onte no concello de Valga. Despois das multitudinarias manifestacións do pasado venres con motivo do 8M, a violencia de xénero volver a deixar tres mulleres mortas durante esta fin de semana. Xa son 12 mulleres as que foron asasinadas este ano en toda España, unha delas, María Jesús Aboy, de 43 anos, é a primeira vítima en Galicia durante este ano 2019.
Deste xeito, convídase a todo o persoal municipal e a todos os veciños e veciñas de Ames a que participen nesta concentración contra a violencia machista na que se gardará un minuto de silencio pola vítima, María Jesús Aboy, de 43 anos, que foi asasinada este domingo no seu domicilio pola súa parella. Trátase da primeira vítima mortal por violencia de xénero este ano 2019 en Galicia. Xa son 12 mulleres as que foron asasinadas este ano en toda España.
O Concello de Ames pon a disposición de todas aquelas mulleres que precisen información sobre o maltrato teléfonos de atención dos Servizos Sociais de Bertamiráns, 981 890 964, e dos Servizos Sociais do Milladoiro, 981 535 941. Ademais, tamén poden recibir atención no 016, o Teléfono da Muller.




