Pestanas principais

O Concello de Ames convoca un proceso selectivo para a creación dunha bolsa de traballo de axudantes técnicos de biblioteca

Xoves, 13 de agosto de 2015

[13-08-2015] O Concello de Ames acaba de convocar un proceso selectivo para a creación dunha bolsa de traballo de axudantes técnicos de biblioteca destinada ás bibliotecas municipais deste Concello. As persoas que desexen participar neste proceso selectivo poden presentar as súas solicitudes ata o día 20 de agosto (inclusive). O anuncio da convocatoria, as bases, o modelo de solicitude, a declaración xurada e o temario específico das bibliotecas municipais de Ames, así como a dirección dalgunhas páxinas web de interese, poderán acadarse e consultarse polos/as interesados/as na oficina do servizo de recursos humanos, que está situada na Casa do Concello, ou accedendo á sección de convocatorias da web municipal.

A través deste proceso selectivo preténdese crear unha bolsa de traballo de axudantes técnicos/a de biblioteca, para a cobertura temporal deste tipo de postos nas bibliotecas municipais que, por circunstancias ou atendendo a programas concretos, xurdan no Concello de Ames. Deste xeito, as persoas que pasen a formar desta bolsa de traballo cubrirán interinidades por substitucións de empregados/as, reforzos de servizo e outras contratacións temporais que se precisen para o bo funcionamento das bibliotecas municipais.

As solicitudes presentaranse, conforme ao modelo de solicitude que se pode obter no departamento de recursos humanos ou na sección de convocatorias da web municipal, no Rexistro Xeral do Concello ou en calquera dos rexistros establecidos no artigo 38 da Lei 30/1992, de 26 de novembro,de Réxime xurídico de las Administracións Públicas y del Procedemento Administrativo Común (de non ser o rexistro do Concello, prégase que se avise por medio dun correo electrónico ao seguinte enderezo: persoal@concellodeames.org), durante os cinco días hábiles seguintes á publicación do anuncio no taboleiro da sede electrónica do Concello de Ames.

Xunto ao modelo de solicitude haberá que presentar, debidamente cotexadas, unha fotocopia do DNI; unha fotocopia da titulación esixida que é a de diplomado universitario ou grado; a declaración xurada; e o xustificante de ter aboados os dereitos de exame. As persoas discapacitadas deberán facelo constar nas súas instancias sinalando se precisan adaptación das probas. A condición de discapacitado/a acreditarase coa certificación correspondente expedida polo órgano competente.