[22-10-2014] O Executivo amiense, reunido en Xunta de Goberno Local, aprobou as bases reguladoras e a convocatoria de axudas destinadas a familias numerosas do municipio. A contía total destinada a estas axudas é de 120.000 euros e a axuda consistirá no pagamento de 1.200 euros por unidade de convivencia. Con este tipo de iniciativas, o Concello de Ames pretende axudar na actual conxuntura económica a aquelas familias que máis dificultades teñen para a crianza dos fillos.
A concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, explicou que “a finalidade desta axuda é proporcionar apoio económico aquelas familias cualificadas como numerosas pola Consellería de Benestar da Xunta de Galicia ou organismos análogos doutras comunidades autónomas”. A concelleira destacou que, deste xeito, “no actual contexto económico, o Concello de Ames mantén todas as prestacións sociais, incluíndo as axudas de familia numerosa, sendo Ames un dos poucos municipios de Galicia que as mantén”.
Información e prazo de solicitude
Os beneficiarios destas axudas serán aquelas familias numerosas que teñan a súa residencia habitual no municipio de Ames. Os interesados e interesadas poderán informarse dos requisitos e dos pasos a seguir nas oficinas do departamento de Servizos Sociais do Concello de Ames.
As solicitudes e a documentación requirida presentaranse no Rexistro Xeral do Concello, ou ben no rexistro existente na oficina municipal do Milladoiro. O prazo para presentar as solicitudes é de un mes, contado dende o día seguinte á publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames convoca un ano máis as axudas dirixidas a familias numerosas"