Pestanas principais

O Concello de Ames convoca para o sábado 10 de febreiro unha concentración en contra da construción da EDAR do Souto

Martes, 06 de febreiro de 2018

[06-02-2018] O Concello de Ames, en colaboración coa Plataforma pola recuperación do río Sar, vén de convocar unha concentración para este sábado, 10 de febreiro, en contra da construción da EDAR no lugar de O Souto, en Santiago de Compostela. Farase unha andaina dende Roxos ata O Souto, onde se desenvolverá dita proposta. O obxectivo é dar a coñecer o gran impacto ambiental que suporá o desmonte dunha zona de gran riqueza ambiental, paisaxística e patrimonial, debido a diversos intereses particulares ou partidistas.


O concelleiro de Medio Ambiente, Javier Garcia, explica que “existe unha grande preocupación par parte dos veciños e veciñas de Ames pola posible construción da EDAR no lugar de O Souto, a escasos metros do termo municipal de Ames. Por iso dende o grupo de goberno xa dixemos que imos presentar alegacións ao proxecto desta infraestrutura. Ademais, no pleno ordinario de decembro aprobouse por unanimidade unha proposta rexeitando o emprazamento da EDAR polo impacto ambiental, patrimonial e a ausencia de garantías xurídicas necesarias para a execución do proxecto”.

O Consello de Ministros do goberno do Estado aprobou a ocupación dos terreos e bens afectados para a construción da EDAR do Souto, sen contar aínda co convenio asinado co Concello de Santiago. Debido a iso o goberno municipal anunciou que poría en marcha unha serie accións de protesta en colaboración coa veciñanza amesá. Unha destas iniciativas será a concentración que se vai a desenvolver este sábado, 10 de febreiro, no lugar de O Souto.

Deste xeito, o Concello de Ames, en colaboración coa Plataforma pola recuperación do río Sar, convoca unha concentración de protesta. Animan a veciñanza a estar ás 10:30 horas, en fronte da farmacia de Roxos, rúa de Muros 141, para de seguido facer unha andaina ata o lugar de O Souto, onde se realizará un acto de protesta. O obxectivo é amosar o desacordo coa construción da EDAR de Santiago nesa paraxe e darlle visibilidade o destrozo medio ambiental, paisaxístico e patrimonial que causaría no lugar do Souto a construción de dita EDAR.

Esta concentración forma parte dunha serie de accións concretas de protesta para tratar de dar a coñecer o gran impacto ambiental que suporá o desmonte dunha zona de gran riqueza ambiental, paisaxística e patrimonial, debido a diversos intereses particulares ou partidistas. O Concello de Ames conta cun acordo unánime de todas as forzas políticas de Ames sobre o rexeitamento á actual ubicación da EDAR no Souto. O goberno de Ames segue apostando pola ubicación en Silvouta, o lugar orixinal e mellor valorado polos técnicos da propia Consellería de Medio Ambiente.

Contido relacionado


Lindeiros: "Ames mobilízase contra a EDAR do Souto"
La Voz de Galicia: "El proyecto de O Souto genera la primera protesta"
El Correo Gallego: "Ames concentrarase este sábado en contra da EDAR do Souto"
El Correo Gallego: "Ames se unió en O Souto por otra ubicación para la EDAR"