Pestanas principais

O Concello de Ames convoca a novena edición do Certame Literario de narrativa e poesía

Venres, 02 de marzo de 2012

[02-03-2012] O Pazo da Peregrina foi o lugar escollido para realizar a presentación da novena edición do Certame Literario Concello de Ames. Alí estivo o concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio, Alfonso Rey, para falar deste concurso de narrativa e poesía, que xa está consolidado en todo o país e que, co paso dos anos, se foi convertendo en referente para os novos creadores e creadoras. Como nas edicións anteriores, poderá participar no concurso calquera persoa que presente textos inéditos escritos en lingua galega. Os textos deberán presentarse antes do 12 de abril. Os gañadores coñeceranse o 14 de maio de 2012 e os premios entregaranse o 17 de maio de 2012, Día da Letras Galegas, nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.

O Concello de Ames non só actúa como consumidor de cultura organizando multitude de actividades culturais como poden ser exposicións, representacións teatrais ou outro tipo de iniciativas, se non que tamén é un xerador de cultura. Un claro exemplo diso é o Certame Literario Concello de Ames que celebra a súa novena edición. Este certame xa se converteu nun concurso de referencia dentro do mundo da poesía e narrativa de Galicia.

O concurso, que está dirixido a todos os e as amantes da literatura, sexa cal sexa a súa procedencia, é xa un referente para os novos creadores e creadoras, e supón unha boa oportunidade para todas aquelas persoas que desexen medir a súa capacidade para escribir e os límites da súa imaxinación. O certame literario está dirixido a todas as persoas que queiran expresarse en galego, tanto sexan profesionais da escritura como afeccionados.

Nas oito edicións anteriores presentáronse un total de 1.055 traballos, cunha media de 132 traballos presentados en cada edición. En todas as edicións se presentaron máis de 100 traballos. No ano 2005 alcanzouse o maior número de traballos con 172 e en 2011 foi o segundo ano que máis obras literarias se presentaron con 145. Nos últimos tres anos non se baixou de 138 traballos presentados, o que indica ben ás claras que este certame xa está consagrado dentro do panorama literario galego.

O concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio, Alfonso Rey, sinalou que nesta novena edición o obxectivo prioritario do Certame Literario é "fomentar a creatividade literaria en galego, dirixíndose non só aos rapaces senón tamén aos maiores de 18 anos". Do mesmo xeito, trátase de "fomentar a creatividade literaria nas dúas modalidades que se convocan, relato curto en prosa e poesía". Neste sentido, o concelleiro destacou a importancia do Certame Literario como plataforma de lanzamento dos creadores que, a través desta iniciativa, teñen a posibilidade de ver o seu traballo publicado, así como o feito de que os gañadores poidan ler os seus textos no acto público "Literatura na rúa" que se celebra arredor do Día do Libro no mes de abril. Alfonso Rey amosou a súa intención de "potenciar o Certame Literario", que xa está a ser un referente en Galicia para todas as persoas que crean en galego e que contou en edicións anteriores "coa participación de autores xa consagrados".


Existen tres categorías

Existen tres categorías en cada modalidade do certame (poesía e narrativa). Os nenos e nenas que teñan ata 13 anos poderán participar na primeira categoría, mentres que a segunda está dirixida a rapaces de 14 a 18 anos e a terceira ás persoas de máis de 18 anos. Haberá tres premios en metálico por cada unha destas franxas de idade en ambas as modalidades, que serán de 120 euros, 90 euros e 60 euros na primeira categoría, 150 euros, 120 euros e 90 euros na segunda e 210 euros, 150 euros e 120 euros na terceira. Os gañadores anunciarase publicamente o 14 de maio e os premios entregaranse o 17 de maio, nun acto público, que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.

O certame será difundido por toda Galicia, enviaranse as bases aos 315 concellos da comunidade, á Rede de bibliotecas de Galicia e a todos os centros de ensino da comarca. Ademais, vaise facer unha importante difusión a través da rede, xa que se van colgar as bases do concurso en todas as páxinas literarias galegas e de fóra de Galicia. Neste senso xogará un papel fundamental as redes sociais xa que se vai publicitar o concurso a través de Facebook ou Tuenti. Cómpre destacar que todos os anos se reciben traballos doutras cidades e localidades do resto de España e incluso de fóra das nosas fronteiras. Como anécdota, pódese comentar que na edición so ano 2010 chegou un traballo procedente de Vietnam.

Presentación dos traballos

Todas as persoas que desexen participar no certame deberán enviar antes do 12 de abril de 2012 catro exemplares do seu texto, en folios mecanografados por unha soa cara, a dobre espazo e tamaño de letra 12 ao enderezo Concello de Ames (Servizo de Normalización Lingüística), Avenida de Azcárraga número 5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña. A extensión mínima será de 2 páxinas en narrativa e de 20 versos en poesía, mentres que a máxima será de 6 páxinas en narrativa e de 50 versos en poesía. Ademais, cómpre lembrar que o tema é libre e que só se poderá presentar un traballo por persoa en cada unha das modalidades.

Outro dos puntos importantes reflectidos nas bases do certame advirte que nos textos non poderán aparecer os datos persoais do autor ou autora nin a súa sinatura. Así, en cada un dos catro exemplares enviados terá que figurar a modalidade na que participa (narrativa ou poesía), a categoría (1ª, 2ª ou 3ª) e o pseudónimo do autor ou autora. Para garantir o anonimato, os participantes terán que introducir os seus datos persoais (nome, apelidos, idade, fotocopia do DNI, teléfono, enderezo postal e electrónico) nun sobre pechado no que, por fóra, figure o pseudónimo e o título do traballo. Este sobre cos datos persoais e as catro copias do texto introduciranse nun sobre máis grande. No remite deste sobre grande terá que marcarse claramente, de novo, a modalidade, a categoría e o pseudónimo do autor ou autora (nunca o nome real).

O Concello de Ames, en colaboración con FEIRACO, empresa patrocinadora do certame, publicará os traballos premiados nunha antoloxía creada para tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autoría e compensando aos autores con tres exemplares do volume que se edite. As persoas gañadoras do certame deberán entregar posteriormente os textos en formato dixital, e, se os autores publican pola súa conta un dos textos gañadores, deberán facer referencia ao premio obtido neste certame. Os oito libros de recompilacións publicados ata o de agora, recollen un total de de 144 traballos que foron premiados neste concurso (cada antoloxía publicada contén os 18 traballos premiados de cada edición).

Para máis información poden chamar ao número de teléfono 981 884 991 ou enviar un correo electrónico á dirección normalizacion@concellodeames.org correspondente ao Servizo de Normalización lingüística (SNL) do Concello de Ames.