Pestanas principais

O Concello de Ames convoca a Comisión especial de contas que examinará e ditaminará a conta xeral do 2011

Venres, 09 de novembro de 2012

[09-11-2012] O Concello de Ames convocou hoxe a Comisión Especial de Contas para o vindeiro día 19 de novembro. Coa convocatoria desta comisión, o Goberno amiense cumprirá co seu compromiso de render a a conta xeral do 2011 dentro do exercicio 2012, tal e como levou a cabo o pasado ano por primeira vez desde 2002. A liquidación desta conta aprobouse por decreto o pasado vintecatro de outubro.

Deste xeito, ao igual que sucedeu o pasado ano, tras varios exercicios nos que a contabilidade municipal sufriu un severo atraso, o Concello continúa coa senda do cumprimento nos prazos de rendición da Conta Xeral. Aínda que a intención do Executivo amiense era poder render antes a Conta Xeral, a posta en marcha de procesos económicos extraordinarios, como a elaboración do Plan de Axuste 2012-2022, do plan de pago a provedores e a aprobación dos Orzamentos municipais, dilataron o proceso. Con todo, será posible que o envío se realice dentro do exercicio 2012.

O día 19, a Comisión examinará e ditaminará a conta xeral, que sera enviada ao Boletín Oficial da Provincia (BOP). A continuación, quedará 23 días hábiles o informe en exposición pública e despois será levado ao pleno.

Desde o Goberno municipal incídese, ademais, na importancia de liquidar as contas de 2011 dentro do exercicio de 2012. Ter liquidadas as contas en prazo permite que o Concello de Ames siga optando ás subvencións convocadas pola Xunta de Galicia, xa que a Administración autonómica estableceu por decreto que, para concorrer ás súas convocatorias de axudas, as entidades interesadas deben ter pechado o exercicio anterior.

Análise da conta
Da liquidación extraeuse un remanente de tesourería negativo de máis de dous millóns cen mil euros, superior ao rexistrado no 2010. Os principais motivos deste emperoamento deben buscarse, segundo apunta o Concello, no gran volume de obrigas pendentes de exercicios anteriores, que foron abonadas no ano 2011, así como no mal comportamento dos ingresos respecto dos gastos (como reflexa o déficit orzamentario rexistrado no ano). É preciso destacar que o orzamento empregado no 2011 foi unha prórroga do aprobado para o 2010, que se ben estaba aparentemente equilibrado, contaba en realidade cun notable desequilibrio dos gastos respecto dos ingresos.

Ao respecto do gasto executado, o Concello subliña, ademais, que o orzamento atopábase practicamente esgotado ao remate do mes de xuño, o que dificultou extremadamente a xestión ata o remate do ano.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames cierra el presupuesto del 2011 con 2,1 millones de déficit"