Pestanas principais

O Concello de Ames convida á veciñanza e ás empresas amesás a sumarse á Hora do Planeta

Venres, 18 de marzo de 2016

[18-03-2016] O Concello de Ames responde ao chamamento da ONG World Wildlife Fund (WWF), que cada ano solicita ás cidades de todo o planeta o apagado do alumeado municipal durante unha hora o día 19 de marzo. Esta iniciativa, dada a coñecer como "A Hora do Planeta", anima ás administracións públicas a demostrar o seu compromiso fronte ao cambio climático. Edificios, espazos e rúas emblemáticas de cidades e vilas de todo o mundo participan cada ano escurecéndose durante unha hora. A convocatoria deste ano terá lugar entre as 20:30 e as 21:30 horas.

O Concello de Ames anima a veciños e veciñas, así como aos establecementos e empresas situados en territorio amesán a apagar as luces dos seus fogares e lugares de traballo durante unha hora. Por parte do consistorio quedarán sen luz a Casa do Concello e os farois públicos da Avenida da Maía, en Bertamiráns, e a Casa da Cultura e o alumeado da Travesía do Porto, no núcleo urbano do Milladoiro.

Esta convocatoria é apoiada no estado español pola Federación Española de Municipios e Provincias, que cada ano invita aos consistorios adscritos á ela a sumarse á Hora do Planeta. Este ano, ademais de Ames, xa son case 300 as cidades e pobos de todo o territorio estatal o que mostraron a súa vontade de participar na iniciativa. As persoas interesadas poden obter máis información sobre a Hora do Planeta na ligazón http://www.horadelplaneta.es .