Pestanas principais

O Concello de Ames convida á veciñanza amesá a participar no acto conmemorativo do Día Nacional de Galicia

Sábado, 22 de xullo de 2017

[22-07-2017] O vindeiro mércores, 26 de xullo, o Concello de Ames vai conmemorar o Día Nacional de Galicia. Será a partir das 20:00 horas no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. O acto incluirá a lectura de diferentes textos e unha actuación musical da man de Suso Vaamonde.

A conmemoración comezará cunha peza musical, seguida da lectura de diferentes textos por parte do alumnado dos IES de Ames e Milladoiro. Ás 20:25 continuará con outra peza musical que dará paso á participación da veciñanza (todas e todos aqueles veciños que queiran ler un texto, poderán facelo coa única condición de que non superen os 4 minutos). Ás 20:45 será o momento reservado para a intervención institucional de cada un dos grupos municipais da corporación e do concelleiro non adscrito (a orde de intervención será de menor a maior representatividade).

A continuación, Suso Vaamonde volverá a pór o toque musical ao acto con outra peza. A conmemoración finalizará coa lectura do manifesto institucional por parte do Alcalde de Ames, José Miñones, e co himno de Galicia. Desde o Concello de Ames, convídase a toda a veciñanza amesá a participar deste acto conmemorativo do Día Nacional de Galicia.