[23-11-2017] O concello de Ames continúa cos actos de conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, prestándolle especial atención ás xeracións máis novas. Deste xeito, os actos centrais de mañá celebraranse nos centros de ensino secundario amesáns. Ás 13:00 horas, tamén terá lugar un acto institucional na Praza do Concello de Bertamiráns, no que se lerá un manifesto, procederase ao reparto de material e farase unha apertura simbólica de paraugas para tinguir a praza de negro. O Concello convida á veciñanza a sumarse a este acto reivindico e a colgar das súas xanelas cartaces ou pezas de roupa negra, que mostren o seu rexeitamento ás violencias machistas.



Este venres, 24 de novembro, o Concello de Ames acollerá diferentes actos conmemorativos polo Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebra cada 25 de novembro. Este ano, os actos estarán moi centrados nas xeracións máis novas. Ás 11:00h, o IES de Ames, en Bertamiráns, realizará unha plantación de árbores no Paseo Carme Amado. Un paseo que foi inaugurado no 2003, en lembranza da primeira muller vítima de violencia machista do Concello de Ames. Ás 12:00 horas, o alumando de 1º de Bacharelato do IES de Milladoiro realizará unha lectura de diferentes lemas no Paseo da Igualdade.
Posteriormente, ás 13:00 horas, terá lugar o acto institucional na Praza do Concello de Bertamiráns, no que se procederá á lectura do manifesto, ao reparto de material da campaña Ames en Negro (mochilas, paraugas, cartaces e postais) e á apertura simbólica de paraugas na praza, para tinguila completamente de negro e amosar, desta maneira, o rexeitamento colectivo da veciñanza amesá ás violencias machistas. O Concello de Ames convida a toda a cidadanía a sumarte aos actos reivindicativos previos a este 25 de novembro.
Ao longo destes días, o Concello de Ames estivo a repartir material entre os diferentes establecementos, clubs, asociacións e centros educativos que fan parte da campaña Ames en Negro, co obxectivo de que os escaparates, as instalacións deportivas, os colexios e institutos e, en definitiva, toda a cidadanía amosase a súa repulsa aos actos de violencia contra as mulleres. “Desde o Concello pretendemos que Ames se volva a tinguir de negro. A idea é que toda a cidadanía participe, de maneira que cando vaiamos polas rúas poidamos ver nos escaparates e nas xanelas os lemas desta campaña. Queremos que toda a veciñanza se implique para visibilizar colectivamente o noso rexeitamento á violencia de xénero, así como a nosa solidariedade con todas as mulleres que sofren ou sufriron violencia. Tamén queremos que sexa unha resposta á máis dura das súas consecuencias, a morte”, destacou a concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo. Neste 2017, xa son máis de 150 os axentes sociais implicados.
Un obradoiro sobre as relacións afectivo-sexuais na mocidade
Os institutos do concello, o IES de Ames e os IES de Milladoiro, acollerán mañá a realización do obradoiro A xestión do consentimento e as relacións afectivo-sexuais en mozas e mozos. Destinado ao alumnado de 3º da ESO dos dous centros, o obradoiro será impartido por Martina González, psicóloga xeral sanitaria, especializada en diversidade sexual e de xénero, sexóloga e terapeuta de parella.




