Pestanas principais

O Concello de Ames convida a participar na Festa do Entroido, que por primeira vez contará cun concurso de disfraces e outro de receitas típicas de carnaval

Venres, 10 de febreiro de 2012

[10-02-2012] O Concello de Ames prepara para este ano un entroido sen precedentes, aberto e participativo. As concellerías de Cultura, Educación e Patrimonio e de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo están a organizar unha Festa do Entroido na que, se celebrará, por primeira vez,  un concurso-degustación de receitas de entroido ademais dun concurso de disfraces. Deste xeito, o Concello de Ames dá un paso adiante na súa firme aposta por revitalizar e consolidar esta celebración, atendendo os cambios pobocionais rexistrados no municipio nos últimos anos e en consonancia coa gran tradición do entroido en Galicia. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases do concurso-degustación e do concurso de disfraces.

Con este obxectivo, o Concello pretende marcar un antes e un despois na celebración do entroido en Ames e fai un chamamento á participación cidadá nun evento que promete ser divertido e xenuino. Segundo a organización, os participantes serán os auténticos protagonistas desta celebración a través das súas receitas gastronómicas e dos divertidos e coloridos disfraces. Ao entroido de Ames non lle faltará a música, cunha actuación da charanga "Vaite xa" e coa orquestra "Super Fama".

A Festa do Entroido celebrarase o luns día 20 de febreiro, a partir das 18.00 horas, no aparcadoiro da rúa do Agro do Medio do Milladoiro. Para facilitar a participación na Festa do Entroido, o Concello de Ames posibilitará tamén o estacionamento no párking da rúa das Palmeiras, a tan só 50 metros do lugar onde se celebrará a festa, á que se poderá acceder a través dun paso peonil.

A intención do goberno de Ames é que o ano que se celebre o entroido en Milladoiro, a expoliquidación teña lugar en Bertamiráns e ao revés. Así, Bertamiráns acollerá a expoliquidación no próximo mes de marzo.

Concurso-degustación de receitas típicas do entroido

Neste concurso poderán participar todas as persoas maiores de 18 anos a título individual, ou ben representando unha asociación, local hostaleiro, empresa... As receitas terán que ser obrigatoriamente típicas do entroido, e haberá dúas modalidades: salgadas e doces. As inscricións deberán presentarse na Casa da Cultura do Milladoiro ou no departamento de Promoción Económica na Casa Consistorial, en Bertamiráns, de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas. Tamén poderán presentarse a través do correo electrónico: cultura.milladoiro@oncellodeames.org. A data límite de presentación será o mércores día 15 de febreiro. O día 20 de febreiro, ás 17.30 horas, presentarase o prato na carpa do Concello. Cada prato deberá permitir 60 pequenas degustacións.

Os participantes optarán a diferentes premios, dotados con vales de compra cambiables nos establecementos comerciais asociados á Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB), á asocicación de Empresarios e Comerciantes do Milladoiro (AEMI), á Asociación Palmira-Boulevard do Milladoiro e á Asociación Parque Empresarial Novo Milladoiro durante os tres meses seguintes ao concurso. Así, os primeiros premios tanto para pratos doces coma para salgados serán de 400 euros, os segundos ascenderán a 250 e os terceiros serán de 150 euros.

Disfraces para todas as idades

No concurso de disfraces poderán participar todas as persoas, asociacións, comunidades ou colexios que o desexen. As inscricións deben facerse na casa da Cultura do Milladoiro, a través do teléfono 981 535 940, ou no correo electrónico cultura.milladoiro@concellodeames.org. Admitiranse inscricións ata o día 20 ás 14.00 horas. Á hora de apuntarse ao concurso, os participantes deberán achegar nome e apelidos, teléfono dos participantes ou representantes do grupo ou comparsa e categoría na que se inscriben. Haberá en total catro modalidades nas que se poderá concursar: unha modalidade infantil, que estará constituída por unha ou dúas persoas ata os 12 anos; unha modalidade individual na que poderán participar unha ou dúas persoas maiores de 12 anos, unha modalidade de grupo que se constituirá por tres ou catro persoas de calquera idade e unha modalidade de comparsas que deberá estar formada por sete persoas ou máis tamén de calquera idade.

Ao igual que no concurso gastronómico, os participantes optarán a premios dotados con vales de compra cambiables nos establecementos comerciais de distintas asociacións de comerciantes e empresarios de Ames. Na categoría infantil o premio ten un importe de 100 euros, na categoría individual 150 euros, na categoría de grupo o premio ascende a 300 euros e na de comparsa a 500 euros. Os participantes deberán presentarse o día 20 de febreiro ás 18.00 horas na carpa instalada polo Concello no aparcadoiro da rúa Agro do Medio. Alí poderán facer unha exhibición en base á cal o xurado realizará a súa cualificación. Despois destas actuacións, que non deberán durar máis de 5 minutos, o desfile percorrerá as rúas de Milladoiro ao ritmo que marque a charanga "Vaite xa".

Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases do concurso-degustación e do concurso de disfraces.