Pestanas principais

O Concello de Ames convida ás familias do municipio a participar no programa “Vacacións en Paz 2017”

Xoves, 29 de setembro de 2016

[29-09-2016] A través da iniciativa Vacacións en Paz as familias de Ames, ou de calquera concello galego, poden acoller durante os meses de xullo e agosto a nenos e nenas saharauís que viven unha difícil situación nos campamentos de refuxiados de Tindouf, en Alxeria. O Concello de Ames anima a toda a veciñanza interesada a participar no programa que organiza a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Para iso hai que enviar un correo electrónico ao enderezo info@sogaps.org ou chamar polas mañás ao número de teléfono 986 262 637.

Un ano máis a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí abre o prazo para participar no programa Vacacións en Paz 2017. Esta iniciativa preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos rapaces, ofrecéndolles a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida, de maneira que iso contribúa á súa formación.

Dende o Concello de Ames animan a todas aquelas persoas que estean interesadas en vivir unha experiencia única e inesquecible, e que queiran solidarizarse co pobo saharauí, acollendo na súa casa durante os dous meses de verán a unha nena ou neno refuxiado saharauí, que se poñan en contacto con dita asociación enviando os seus datos ao enderezo de correo electrónico info@sogaps.org ou chamando polas mañás ao número de teléfono 986 262 637. Os responsables de Vacacións en Paz poñeranse en contacto con cada persoa que estea interesada neste proxecto, para informalos do proceso que hai que seguir para acoller.

Outra opción é poñerse en contacto co departamento municipal de Servizos Sociais chamando ao número de teléfono 662 371 079. O Concello actúa de mediador entre as familias amesás e esta asociación para xestionar a estadía dos nenos/as saharauís en Ames e se encarga, por exemplo, do pago do billete de avión de cada neno/a. O departamento de Servizos Sociais informa ás persoas interesadas, tramita as solicitudes e asegura unha estadía agradable dos cativos no noso municipio.