Pestanas principais

O Concello de Ames convida ás empresas amesás a mellorar a súa comunicación empresarial co curso 'O teu discurso é a túa marca'

Martes, 04 de novembro de 2025

O Concello de Ames, no marco dos premios Lingua e Empresa organiza, por segundo ano consecutivo, unha xornada formativa destinada ás empresas amesás que nesta ocasión ten como obxectivo mellorar a comunicación empresarial para chegar á clientela cunha maior efectividade e impacto. O prazo para inscribirse nesta acción formativa estará aberto ata o xoves 13 de novembro ás 14.00 horas. Premendo nesta ligazón pódese acceder ao formulario de inscrición. O curso impartirase o martes, 18 de novembro, de 19.00 a 21.00 horas, no espazo colaborativo A Proa, no Milladoiro e a docente será Fátima Rodríguez (experta en recursos humanos e consultora de estratexia). Está dirixido a empresas de calquera ámbito que teñan a súa sede ou centro de actividade no Concello de Ames.

As concellarías de Normalización Lingüística e Promoción Económica poñen en marcha o curso “O teu discurso é a túa marca. Atrévete a comunicar con impacto”, no que se achegarán claves para mellorar a comunicación coa clientela e lograr unha maior efectividade e impacto. Trátase dunha acción formativa de dúas horas de duración inserida no marco dos premios Lingua e Empresa que pretende achegarlles recursos ás empresas para aumentar a súa competitividade. Pode participar calquera empresa que teña a súa sede ou un centro de actividade no Concello de Ames. Aínda que terán preferencia as que foran ou sexan candidatas aos premios Lingua e Empresa.

As persoas participantes aprenderán a proxectar o discurso e idea da súa empresa a través dunha estratexia de comunicación asertiva e directa, aprendendo a adaptar o discurso en cada contexto e público específico. Deste xeito, ensinarase a crear unha mensaxe clara, auténtica e memorable cara á posible clientela cun enfoque totalmente práctico e dinámico. 

O curso desenvolverase o martes, 18 de novembro, desde as 19.00 ás 21.00 horas, no espazo colaborativo A Proa, situado no parque empresarial do Milladoiro (rúa das Hedras, número 2). Será impartido por Fátima Rodríguez (experta en recursos humanos e consultora de estratexia, membro do coworking A Proa). Está dirixido a empresas de calquera ámbito e tamaño que teñan a súa sede ou centro de actividade no Concello de Ames. Terán preferencia as empresas participantes en calquera das edicións dos premios Lingua e Empresa.

Contidos do curso:
-Que é un elevator pitch e porque é clave na túa carreira. 
-Como conectar coa túa audiencia.
-Como crear unha mensaxe clara. Auténtica e memorable.
-Comunicación asertiva e presenza profesional.
-Exercicios prácticos e feedback inmediato (IBI/WWW).
-Como adaptar o discurso ao público e ao contexto.

O prazo para anotarse remata o xoves 13 de novembro ás 14.00 horas. Premendo nesta ligazón podes acceder ao formulario de inscrición. Tamén se pode accede ao dito formulario a través do do código QR que está no cartel que acompaña a esta nova.

O 21 de novembro remata o prazo para presentarse aos premios Lingua e Empresa
O Concello de Ames puxo en marcha por oitavo ano consecutivo os Premios Lingua e Empresa, co obxectivo de recoñecer o uso e fomento da lingua galega na actividade empresarial. Optarán a este galardón todas as empresas, con sede social ou centro de actividade no concello de Ames, que presentan a súa candidatura ata o 21 de novembro.

Os premios divídense, un ano máis, en dúas categorías. A primeira engloba ás empresas que teñen un uso consolidado e estable do galego dende hai máis de dous anos, mentres que a segunda recoñece a todas aquelas que naceron nos últimos dous anos ou que incorporaron o galego nese período. A dotación económica será de 3.000 euros, 1.500 para cada unha das categorías. Ademais, as gañadoras contarán cunha campaña de difusión en Ames Radio, a emisora municipal do concello.

O prazo de presentación de candidaturas xa está aberto e remata o día 21 de novembro de 2025 ás 14:00 horas. As persoas interesadas deberán descargar e cubrir a ficha de participación que se pode atopar nesta ligazón e enviala ao correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, xunto coa documentación correspondente, ou presentala de xeito telemático a través da sede electrónica do Concello de Ames. Para máis información ou para solicitar a ficha de participación pódese contactar co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames a través do número de teléfono 662 377 215 ou mediante o correo normalizacion@concellodeames.gal.

Novas relacionadas: 

El Correo Gallego: "Ames impulsa a formación empresarial cun curso para mellorar a comunicación co cliente"

O Concello de Ames convida ás empresas amesás a mellorar a súa comunicación empresarial co curso O teu discurso é a túa marca