Pestanas principais

O Concello de Ames convida aos veciños e veciñas a compartir as súas fotos da noite de San Xoán

Mércores, 20 de xuño de 2012

[20-06-2012] O Concello de Ames invita aos veciños e veciñas do municipio a compartir a súa celebración da noite de San Xoán a través de fotografías das cacharelas. As fotos poderán ser enviadas ao correo electrónico prensa@concellodeames.org ata o vindeiro xoves, 28 de xuño. A única condición é que deben estar tomadas na noite de San Xoán e amosar algún aspecto significativo desta celebración popular: a noite, o lume e a festa. Todas as imaxes recibidas serán publicadas nunha galería da páxina web do Concello (www.concellodeames.org).

O obxectivo desta iniciativa é compartir e poñer en común as imaxes máis significativas dunha festa tan arraigada en Ames. Na noite do 23 de xuño, moitos veciños aproveitarán para queimar os trebellos vellos que xa non utilizan e que fan bo lume, outros agardan purificar a súa alma ou simplemente saltar as cacharelas nesa noite meiga.

Ata o momento, presentáronse preto de 150 solicitudes para realizar cacharelas na noite do 23 de xuño. Con todo, as solicitudes poden presentarse ata mañá, 21 de xuño, ás 13,00 horas no rexistro do Concello de Ames. Todas as persoas, organizacións ou comunidades que desexen realizar unha fogueira na noite de San Xoán deben sinalar na súa solicitude o lugar elixido, así como o nome, enderezo e teléfono dos responsables da organización ou comunidade, encargados de coidar os arredores da cacharela. 

A solicitude deberá ir acompañada dun plano de situación do espazo público (nas zonas privadas non é preciso entregar plano) no que se vai a situar a cacharela, así como da situación de todos os elementos, que ademais da cacharela, se coloquen no espazo autorizado. O obxectivo é que a xente poida pasalo ben ao redor do lume e evitar calquera tipo de incidente.

Unha vez obtido o permiso, os responsables da fogueira están na obriga de seguir as normas que publica o Concello. O obxectivo é procurar facer as cacharelas coas precaucións necesarias.