Pestanas principais

O Concello de Ames continúa traballando nos posibles casos de desafiuzamentos.

Mércores, 10 de setembro de 2014

[10-09-2014] O Concello de Ames, a través do departamento de Benestar Social, traballa a diario nos posibles casos de desafiuzamentos que se poden dar no termo municipal. Así, dende os Servizos Sociais aténdense todos os casos detectados, poñendo á disposición todas as axudas posibles ás que se poidan acoller as persoas que se atopen en situación de posible perda de vivenda.

En ningún momento se deixou de atender un caso de desafiuzamento detectado, e nestas situacións non só se informa acerca das axudas municipais que dispón o concello, senón que se tramitan tamén aquelas axudas de carácter supramunicipal ás que se poidan acoller, como poden ser a RISGA, que depende da Xunta de Galicia. No caso concreto da veciña C.M.G.D., á que fai referencia Stop Desafiuzamentos, trátase dunha usuaria dos servizos sociais do Milladoiro, onde non consta ningunha demanda de desafiuzamento.

Así, dende este departamento estase tramitando unha axuda de emerxencia social que permita cubrir as débedas que presenta a usuaria. Neste caso o IVGS non pode facilitar unha vivenda debido a que a usuaria conta con débedas con Facenda. Dende o Concello de Ames estánselle prestando as axudas que se poden facilitar á usuaria e facendo o posible para mellorar a súa situación: permitíndolle o acceso ás escolas deportivas e facendo un programa personalizado para o seu fillo, facilitándolle unha axuda de alimentos ou poñéndoa en contacto con entidades que traballan con este tipo de situacións e que poidan comprobar a dispoñibilidade dalgunha vivenda.

Así mesmo, estase tramitando a solicitude de Emerxencia Social de data 28 de agosto de 2014, para a cal os servizos técnicos están comprobando toda a documentación de cara a informar a mesma e resolver o expediente e cubrir as súas necesidades básicas mentres non se resolva a solicitude de RISGA tramitada dende Benestar Social. De todas estas actuacións déuselle información á Plataforma Stop Desafiuzamentos.