Pestanas principais

O concello de Ames continúa dando pasos para dotar de mercadiño ao Milladoiro

Xoves, 25 de agosto de 2011

[25-08-2011] O concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernardo Moar, levará ao vindeiro pleno ordinario que se vai celebrar no concello de Ames o día 1 de setembro a aprobación inicial da modificación do Regulamento de venda ambulante do Concello de Ames coa finalidade de incluír o novo mercadiño de Milladoiro en dito regulamento. Bernardo Moar reuniuse o pasado luns coa Mesa Local de Comercio para presentarlle o novo regulamento que levará ao próximo pleno. O edil de Promoción Económica tamén mantivo contactos cos vendedores ambulantes e coa Asociación Profesional do Comercio Ambulante (ACAPAC) e ambos colectivos lle manifestaron as“boas expectativas” coas que acollen a iniciativa. A intención de Moar é acelerar a posta en marcha do novo mercado para que entre en funcionamento o vindeiro outono.

Os luns pola tarde é o día que tanto os comerciantes e as asociacións, coma Bernardo Moar, consideran máis apropiado para facer este mercado debido ás características dos cidadáns de Milladoiro, xa que son moitos os que durante o venres pola tarde e a fin de semana non se atopan na localidade. O emprazamento que probablemente acollerá o mercado será a praza de Manuel Murguía. Bernardo Moar explicou que o mercadiño comezará a funcionar unha vez sexan solventados os problemas de aparcamento no Milladoiro, nos que actualmente se está a traballar.

Festivos locais

A corporación municipal amiense tamén establecerá no próximo pleno os festivos locais que terá o concello de Ames no ano 2012. O pleno fixará o xoves da semana que ven os dous festivos locais do vindeiro ano que ata o de agora viñan sendo o 24 de xuño, día de San Xoán, e o Día da Ascensión.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El pleno ajustará una ordenanza para permitir un mercadillo en Milladoiro"
El Correo Gallego: "El mercadillo de Milladoiro podría iniciarse en el otoño"
El Correo Gallego: "Ames modificará hoy su norma de venta ambulante"