Pestanas principais

O Concello de Ames continúa coa campaña para concienciar á veciñanza da necesidade de non tirar as toalliñas polo váter

Mércores, 14 de agosto de 2019

Hai preto de un ano o Concello de Ames e a empresa Espina & Delfín puxeron en marcha unha campaña para tratar de concienciar á veciñanza da necesidade de non tirar toalliñas polo WC. Ames gasta 114.000 euros ao ano en avarías producidas polo uso inadecuado das toalliñas (37.000 euros en traballos de desatascos na rede de saneamento, 29.000 euros en bombeos e 48.000 euros en labores de limpeza de depuradoras). Na cabeceira da páxina web municipal hai colocado un banner da campaña co obxectivo de concienciar e informar á veciñanza da importancia que ten facer un uso axeitado e responsable das toalliñas.

Baixo o lema “Tirar toalliñas ao WC PASA [á] FACTURA. As toalliñas á PAPELEIRA!”, o Concello de Ames e a empresa Espina & Delfín puxeron en marcha unha campaña para tratar de concienciar á veciñanza da necesidade de non tirar toalliñas polo WC. Trátase dunha campaña en positivo a través da cal se trata de informar e concienciar aos usuarios/as do dano que pode ocasionar o mal uso das toalliñas, a necesidade de tiralas á papeleira en lugar de ao inodoro, e unhas pautas de como deben usarse, tendo en conta que non son biodegradables, polo menos non a curto prazo.

O uso indebido das toalliñas en particular, e todos os pequenos plásticos que se tiran ao váter no día a día, non só pasan factura medioambiental senón que tamén teñen repercusión no peto do cidadán. Por iso, a través desta campaña trátase de concienciar á cidadanía da problemática que ocasiona o deposito destas toalliñas na rede de abastecemento. Debido a iso é necesario evitar que se tiren polo inodoro, e para iso, é fundamental a educación da mocidade.

Segundo un estudo realizado pola empresa Espina y Delfín, o Concello de Ames gasta 114.000 euros ao ano en avarías producidas polo uso inadecuado das toalliñas (37.000 euros en traballos de desatascos na rede de saneamento, 29.000 euros en bombeos e 48.000 euros en labores de limpeza de depuradoras). Así, os cartos que van destinados a intentar solucionar este problema non poden inverterse noutras partidas. De aí o lema da campaña, xa que as toalliñas pasan factura ao medio ambiente e pasan á factura, polos gastos que lle ocasionan ao Concello e ao cidadán de xeito indirecto.

Campaña educativa e de concienciación social
Deste xeito, esta campaña, que se divide en dúas partes principais, incide na concienciación de non tirar residuos ao váter senón á papeleira. Así, a primeira parte céntrase na difusión, para o que se conta coa colaboración dos establecementos hostaleiros, supermercados e negocios onde a xente pode ver varios tipos de carteis explicativos, onde se informa a cidadanía sobre o ciclo da auga, así como o gasto e uso das toalliñas.

Por outro lado, a educación aos máis pequenos tamén ocupa un lugar importante. A través de carteis ilustrativos, actividades e charlas didácticas, nas que colaboran técnicos de Espina y Delfín, que foron polos colexios, búscase que os máis pequenos tamén coñezan o ciclo da auga, a importancia deste elemento e o uso correcto das toalliñas. O que pretende esta campaña é que incida nas novas xeracións. Así, búscase que dure e permaneza no tempo a través da concienciación.

O concelleiro de Servizos Básicos, Blas García, fai fincapé na “necesidade de facer un uso responsable das toalliñas e de tiralas ao sitio axeitado, non polo váter”. Incide, ademais, en que “cos cartos que se gastan anualmente polos atascos das toalliñas que superan os 100.000 euros se poderían acometer novas liñas de saneamento en lugares onde non existe, ou mellorar algunhas xa existentes”.

Ligazóns:

Compostela 24 horas: "Amés continúa coa campaña de concienciación sobre a necesidade de non tirar toalliñas ó vater"

La Voz de Galicia: "Ames repite su campaña para evitar que las toallitas higiénicas colapsen la red de saneamiento"

Cartel da campaña "Tirar toalliñas ao WC PASA [á] FACTURA. As toalliñas á PAPELEIRA!"

Multimedia

  • Cartel da campaña Tirar toalliñas ao WC PASA [á] FACTURA. As toalliñas á PAPELEIRA!