Pestanas principais

O Concello de Ames continúa coa avaliación das necesidades das parroquias reuníndose cos veciños de Lens

Martes, 24 de abril de 2012

[24-04-2012] O goberno municipal de Ames continúa co seu programa de reunións con veciños e veciñas das distintas zonas do rural, co obxectivo de coñecer de primeira man as súas necesidades. Tras a visita realizada o pasado mes de febreiro a Lapido, o alcalde, Santiago Amor, acompañado do concelleiro de Persoal, Reforma Administrativa, Servizos e Urbanismo, Ramón García Argibay, e do edil de Acción Parroquial e Rural, Emilio Martínez, mantivo onte unha reunión cos representantes da asociación veciñal da parroquia de Lens.


En concreto, nesta parroquia amiense as principais deficiencias que se detectaron durante a visita foi o deterioro nas vías de acceso a Lens e nos camiños da aldea, a falta de limpeza das tajeas e os problemas co alumado público, entre outras. Os veciños desta parroquia tamén lle expuxeron ao alcalde e aos concelleiros outros temas, como a necesidade de instalar unha marquesiña para a parada de autobús do lugar de Miso, co fin de evitar que os nenos se mollen, ou o acondicionamento e limpeza da Fonte Alberte.

O alcalde de Ames visitará periodicamente distintas zonas do municipio para avaliar as súas necesidades e coñecelas por medio dos propios veciños. Santiago Amor destacou que o obxectivo que se marca o Concello de Ames é “non descoidar as parroquias e atender as demandas dos veciños no actual contexto económico”. O rexedor tamén amosou o compromiso do Concello de “levar a cabo un plan de mellora, mantemento e conservación do rural amiense”.

Sen descoidar os núcleos urbanos do Milladoiro e Bertamiráns, o goberno local estalle prestando especial atención ao mantemento e conservación das zonas rurais. As actuacións realízanse principalmente a través das concellerías de Vías, Obras, Parques e Xardíns e de Acción Parroquial e Rural.