Pestanas principais

O Concello de Ames continúa co acondicionamento das beirarrúas de Bertamiráns

Xoves, 29 de maio de 2014

[29-05-2014] O Concello de Ames continúa co acondicionando das beirarrúas do núcleo urbano de Bertamiráns. Os traballos de arranxo das baldosas das beirarrúas estanse executando en catro fases diferentes. Estas actuacións permiten acondicionar as beirarrúas de toda a avenida da Maía, da avenida da Peregrina e doutras rúas como a do Pedregal, Poeta da Maía, Fieira, Xesteira, Entrerríos, Pesqueira, Alcalde Lorenzo, Agrelo, etc. A través destas obras estanse afianzando as baldosas que estaban soltas e estanse cambiando as que estaban rotas por outras novas en practicamente todas as beirarrúas de Bertamiráns. En total, o Concello de Ames investiu máis de 22.900 euros en acometer estes traballos en 14 rúas diferentes do núcleo urbano.

O Concello de Ames, a través da concellaría de Vías e Obras, continúa arranxando as baldosas das beirarrúas de Bertamiráns que necesitaban un acondicionamento exhaustivo xa que algunhas delas estaban despegadas e outras romperon co paso do tempo. Os traballos de arranxo das baldosas das beirarrúas estanse executando en catro fases diferentes.

Na primeira actuación acondicionáronse as beirarrúas da estrada de Lapido e o tramo da avenida da Maía que vai dende a estrada de Lapido ata a rúa das Pesqueiras. Na segunda fase actuouse nas beirarrúas das rúas do Pedregal, Poeta da Maía, Fieira, Xesteira e na travesía do Fontaldeiro, así como no tramo da avenida da Maía, que vai dende o límite co concello de Brión ata a rúa Alcalde Lorenzo. A terceira intervención levouse a cabo nas rúas Pesqueiras, Ameneiral, Alcalde Lorenzo, Entrerríos, Agrelo e noutro tramo da avenida da Maía.

Na cuarta e última actuación revisáronse as baldosas das beirarrúas da avenida da Peregrina, da travesía da Peregrina e o tramo da avenida da Maía, que se atopa entre a avenida da Peregrina e a travesía da Peregrina. Deste xeito, revisáronse e acondicionáronse practicamente todas as baldosas de todas as beirarrúas de Bertamiráns.

A estes traballos, únese o acondicionamento das beirarrúas da avenida José Luís Azcárraga que levou a cabo unha brigada contratada grazas á concesión dunha subvención por parte da Consellería de Traballo e Benestar.

O acondicionamento de beirarrúas no núcleo de Bertamiráns supón unha primeira parte das actuacións que se acometerán no conxunto do municipio, xa que o Concello de Ames tamén ten previsto realizar labores de mantemento e acondicionamento nas beirarrúas do Milladoiro.



Contido relacionado


El Correo Gallego "Ames continúa co acondicionamento das beirarrúas de Bertamiráns"
La Voz de Galicia: "El Concello de Ames continúa con su plan de mejora de aceras en Bertamiráns"