Pestanas principais

O Concello de Ames conta un ano máis cun completo plan de prevención e defensa contra incendios forestais

Venres, 03 de agosto de 2012

[03-08-2012] Como cada ano, o Concello de Ames conta cun amplo plan para colaborar nas labores de prevención e extinción de incendios forestais durante os meses de verán. As medidas e ferramentas aplicadas pola Administración local pódense dividir en dúas: preventivas e de colaboración na disposición de medios enfocados á defensa das persoas e dos bens como consecuencia dos incendios forestais. Ademais, o Concello conta co operativo municipal de Prevención e Defensa contra os incendios forestais, encargado de coordinar as persoas e os medios cos que conta o Concello para poñer a disposición do distrito forestal en caso de declararse un incendio.

Dentro das actuacións relacionadas coa prevención enmárcase a execución do convenio asinado coa Consellería de Medio Rural e do Mar, para a participación na prevención de incendios forestais mediante a realización de tratamentos preventivos en vías, camiños e outras superficies de titularidade municipal. O obxectivo destes traballos é intensificar a prevención de incendios, manter as vías e camiños e outras superficies de titularidade municipal en boas condicións e reforzar a limpeza levada a cabo pola maquinaria municipal durante todo o ano. Os traballos de prevención veranse reforzados este mes cunha nova brigada de cooperación coa Xunta para a protección de marxes fluviais e do espazo forestal, que acometerá tamén labores de desbroce e acondicionamento.

En canto á disposición de medios enfocados á defensa das persoas e dos bens como consecuencia dos incendios, o Concello de Ames acordou a contratación dos servizos dun tractor forestal e tractorista con cisterna e lanzadeira anti-incendios con dispoñibilidade para os días de alto perigo de incendios forestais. Este tractor forma parte dos equipamentos que pode mobilizar o Concello en situacións de especial risco, formado por medios achegados por concesionarias de servizos públicos e outras empresas. Entre estes, destaca un camión cisterna, unha pala de rodas, outra de cadeas, bombas de achique e maquinaria.

O operativo municipal de Prevención e Defensa contra os incendios forestais está dirixido polo alcalde de Ames, Santiago Amor, e está composto por diferentes grupos operativos e persoal municipal. Deste xeito, consta dun grupo de intervención e outro de seguridade, no que se inclúen membros da Policía Local, a Garda Civil, Policía Autonómica ou da brigada de medio ambiente. O operativo tamén conta cun grupo de transmisións e con outro sanitario e de acción social, no que se inclúen traballadores sociais, médicos de atención primaria, farmacéuticos, veterinarios e persoal da Cruz Vermella. Por último, o grupo de Loxística e Rehabilitación de servizos públicos está formado por persoal de servizos básicos, voluntariado, deportes, cultura e medio ambiente.

O obxectivo é unir esforzos e colaborar con medios propios e concertados na extinción de incendios. O Concello de Ames pon a disposición do distrito forestal todos os medios posibles para atallar estas situacións de risco. Con todo, o Goberno amiense fai un chamamento á colaboración da cidadanía para que colabore con este plan. Concretamente solicita que quen se decate da existencia dun incendio o comunique ao teléfono 085 ou 112 e que se poña en coñecemento das forzas e corpos de seguridade calquera movemento sospeitoso.