Pestanas principais

O Concello de Ames conta cunha programación de actividades destinada ás persoas maiores na que participan preto de 1.000 usuarios

Venres, 10 de xaneiro de 2014

[10-01-2014] O Concello de Ames dispón dunha completa programación específica para as persoas maiores do municipio que inclúe actividades lúdicas e de aprendizaxe. En total, preto de 1.000 persoas son usuarias destas actividades que se inclúen nos programas Amessan, Sanauga ou Escolas de Maiores. Ademais, o Concello tamén programa outras iniciativas como os campionatos de tute e dominó ou a tradicional chocolatada do Nadal. O Executivo amiense tamén colabora activamente co Club de Pensionistas e Xubilados do Milladoiro (JUPEMI) nas súas actividades.


Durante este curso 2013-2014, un total de 391 persoas están participando nas actividades incluídas no programa Amessan, posto en marcha polo Concello de Ames e destinado a impulsar o benestar físico, psicolóxico e social da poboación maior do concello de Ames. En total, ofrécense 24 grupos de actividades repartidos por dez puntos do municipio: Agrón, Ameixenda, Bertamiráns, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Milladoiro, Piñeiro, Tarroeira e Trasmonte.

O programa Amessan, que se desenvolve entre os meses de outubro de 2013 e xuño de 2014, inclúe as actividades de xerontoximnasia (ximnasia terapéutica), ludoteca cognitiva (estimulación das funcións cognitivas), obradoiro de música e baile tradicional 'Ao son da sacha' e actividades de manualidades 'Creando fogares'. Este ano a principal novidade é que se está impartindo un novo obradoiro denominado 'Achégate ao inglés'.

A concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, destaca “a boa marcha e aceptación desta iniciativa durante o presente curso, no que se ampliaron o número de actividades de prevención, promoción da saúde e dinamización das persoas maiores que se ofrecen nas parroquias”. Deste xeito, tras as reunións mantidas no inicio do curso cos veciños e veciñas por parte da concelleira de Benestar Social, o Concello de Ames programou cinco novos grupos en diferentes parroquias: 4 de ludoteca cognitiva (na Ameixenda, Bugallido, Cruxeiras e Tarroeira) e 1 de manualidades en Trasmonte.

Escolas de Maiores e Sanauga
Pola súa banda, a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) ofrece as Escolas Integrais de Maiores, destinadas ás persoas que non tiveron oportunidade de estudar cando eran novas. Un total de 50 persoas participan durante este curso nestas actividades, que se imparten tanto no Milladoiro como en Bertamiráns. Aprender a ler, a escribir ou a facer operacións matemáticas: estes son algúns dos conceptos básicos que se ensinan neste escola. Como o seu propio nome indica, trátase dunha escola integral na que, ademais das actividades formativas, organízanse outras paralelas como charlas, saídas culturais ou excursións.

Outras 50 persoas maiores participan no programa acuático Sanauga, que se desenvolve na piscina municipal A Telleira. Trátase dunha oferta deportiva que consiste na realización de actividades acuáticas para persoas maiores ou persoas con discapacidade. Ademais, o Concello de Ames colabora activamente co Club de Pensionistas e Xubilados do Milladoiro (JUPEMI) nas súas actividades, como a recente comida de Nadal, celebracións ou outros eventos programados ao longo do ano.

Actividades de lecer
Xunto a todas estas actividades, o Concello de Ames tamén programa outras de xeito periódico como son os campionatos de tute ou dominó, que teñen unha moi boa acollida entre as persoas maiores de Ames. Outra iniciativa de éxito é a que tradicionalmente se organiza no Nadal e na que se combina o baile e o chocolate. En 2013, máis de 200 persoas participaron nesta cita.

A concelleira de Voluntariado e Maiores, María Carmen Verde, destaca que o obxectivo é “programar actividades de lecer e formativas a través das que se pretende que a veciñanza se relacione e socialice con outra xente do municipio e pase un anaco agradable”.