Pestanas principais

O Concello de Ames conta cun novo tractor de uso agrícola grazas ao apoio da Deputación

Martes, 07 de outubro de 2014

[07-10-2014] O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, acompañou estes días ao alcalde de Ames, Santiago Amor, no acto de recepción dun novo tractor de uso agrícola, que conta con desbrozadora lateral e cunha pala cargadora dianteira.

Para sufragar esta adquisición, asinouse un convenio entre as dúas administración a través do cal a Deputación achegou 78.400 euros, o que supón o 80% do custo total da compra deste tractor, mentres que o Concello de Ames puxo os 19.600 euros restantes.

O Concello de Ames contaba cun tractor de uso agrícola de preto de 20 anos que durante unha boa parte do ano se usaba a dobre quenda. Debido a iso, o goberno municipal decidiu dotarse cun novo vehículo con desbrozadora lateral e pala cargadora dianteira co obxectivo de ter dous tractores que traballan en quenda de mañá para limpar as beiras e cunetas das pistas asfaltadas de todas as parroquias amienses.

Ata o de agora, o tractor municipal, dotado dun brazo-desbrozadora, traballaba 7 meses (entre abril e outubro) en dobre quenda, de mañá e tarde, tendo en conta as necesidades que presenta cada parroquia. Coa adquisición do novo tractor os dous operarios encargados deste servizo municipal traballan en quenda de mañá, para aproveitar as horas de luz.

Nestes intres os tractores municipais, segundo explicou o alcalde ao presidente da Deputación, realizan a terceira quenda de limpeza e desbroce nas beiras das pistas do concello. Dende a entrega do novo tractor xa se limparon as pistas e camiños das parroquias de Trasmonte e de Agrón. Onte limpouse o tramo do Camiño de Santiago-Fisterra entre Castiñeiro de Lobo e Trasmonte, e hoxe comezarán a limparse os camiños da parroquia de Covas.