Pestanas principais

O Concello de Ames conta cun novo Plan de Incendios

Martes, 13 de xullo de 2021

O concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Lens, presentou esta mañá no Pazo de Peregrina o Plan de Incendios para o ano 2021 do Concello de Ames. O Plan determina a categoría dos lumes segundo a súa gravidade, contempla os pasos que se deberán dar en cada un dos casos, recolle o inventario de medios propios e concertados dos que dispón o concello, fai un resumo da loxística que se debe seguir e reúne os contactos e teléfonos das persoas e grupos involucrados nesta loita contra o lume.

Preto de vinte persoas se reuniron esta mañá no Pazo da Peregrina para coñecer os protocolos que un ano máis pon en marcha o concello co obxectivo de estar preparados ante un incendio no termo municipal. O concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Lens, detallou os medios cos que conta o Concello de Ames na súa loita contra o lume e agradeceu a todos e todas as asistentes o interese posto no Plan.

“Espero non vervos por este tema en todo o verán” ese foi o desexo do concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Lens, e ao que se sumou o alcalde de Ames, Blas García. O rexedor municipal gabou, ademais, a implicación de Protección Civil, “cuxo papel na loita contra o lume é fundamental na actualidade” e lembrou a formación específica para intervir en incendios que recibiu o persoal de esta asociación de voluntarios.

Precisamente a Asociación de Protección Civil tomou a palabra para presentar o traballo realizado na elaboración dun mapa das hidrantes de todo o concello. Segundo Juan Perez, responsable de Protección Civil, este traballo está encamiñado a reducir o tempo de resposta ante un posible incendio. O estudo inclúe un mapa coas coordenadas GPS e unha lenda onde se describe o que se van atopar no lugar e o estado en que se encontra.

A Asociación de Protección Civil está formada por 33 voluntarios que se van a dividir en tres equipos de traballo. Xunto ao persoal humano destacan como novidades a incorporación dun equipo autónomo que permite converter puntos de auga en hidrantes, o material necesario para montar un posto de mando avanzado no lugar do incendio ou un vehículo todoterreo adaptado tanto ao transporte de materiais como á evacuación de persoas.

Coordinación de medios
A través deste plan artéllanse e organízanse os medios persoais e materias dos que dispón o Concello de Ames no operativo municipal de prevención de incendios. Os distintos equipos de intervención englóbanse en grupos de prevención, sanitario e acción social, transmisións e coordinación da operativa e de loxística e seguridade. Este último está formado por membros da Policía Local, a Garda Civil, Policía Autonómica, a brigada de obras, a Asociación de Protección Civil e de GES-Brión; mentres que o equipo sanitario e de acción social, inclúe traballadores/as sociais, médicos/as de atención primaria e voluntarias/os.
Como novidade, incorpóranse a este Plan de Incendios do ano 2021 o concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández e o concelleiro de Medio Rural, Santiago Márquez.
O plan é unha folla de ruta que facilitará a actuación de cada un dos sectores implicados en caso de producirse un incendio no noso Concello e que ten como obxectivo unir esforzos na loita contra o lume.
 
Protocolo a seguir en caso de incendio
No protocolo establécense, ademais, tres tipos de situacións de emerxencia, segundo a magnitude do lume, os bens forestais e de natureza non forestal aos que afecten e as necesidades e medios que se precisen para atallalo.
As situacións segundo o nivel en que se atope o lume son pre-alerta, alerta e emerxencia. O plan define cada unha das fases e os pasos a seguir en cada unha delas.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A actividade de Protección Civil, indispensable no Plan contra Incendios de Ames"

La Voz de Galicia: "El nuevo Plan de Incendios del Concello de Ames establece tres situaciones de emergencia"

Lindeiros: "O concello de Ames presentou no Pazo da Peregrina o novo Plan de Incendios que recolle o protocolo a seguir e os medios, propios e alleos, de que se dispoñe."

Presentación plan de incendios

Multimedia

  • Presentación plan de incendios
  • Presentación plan de incendios
  • Presentación plan de incendios