[02-01-2011] Dende o Concello de Ames dan por rematado, cando menos de xeito inicial, o proceso de regularización do pub 3Pes, despois de que o propietario do local cumprise a ordenanza municipal contra a contaminación acústica. O día 30 de decembro o alcalde de Ames, Carlos Fernández, asinou o decreto 1596/2010 mediante o cal se ordena levantar a medida cautelar de suspensión da actividade do pub 3Pes, que está situado na rúa Poeta da Maia número 10, en Bertamiráns. Esta medida acordouse despois de verificar o cumprimento das medidas correctoras requiridas ao propietario do devandito local. O día 28 de decembro de 2010 a empresa Centro de Estudios Térmicos e Acústicos (CETA) realizou unha medición acústica nas vivendas situadas encima do local, a 1ºB e o 2ºC, para comprobar que se cumprían as medidas correctoras precisas en orde ao cumprimento dos niveis sonoros establecidos na devandita ordenanza municipal. Despois de facer a medición púidose comprobar que o nivel acústico estaba dentro dos límites permitidos.
O Concello de Ames dá por resolto o pulso que mantiñan os veciños e veciñas da comunidade Chavián IX co propietario do pub 3Pes, que está situado no baixo do edificio número 10 da rúa Poeta da Maía, en Bertamiráns. A veciñanza desta comunidade denunciou en varias ocasións os problemas que provocaba o ruído e a música que se escoitaba de noite no devandito pub, imposibilitando o descanso dos veciños e veciñas desta comunidade.
As xestións municipais para resolver este conflito xa comezaron o pasado 15 de xullo, momento no que se incoou un expediente de reposición da legalidade ao propietario do devandito local, por non axustarse ás condicións da licencia concedida no seu día. Deste xeito requiríuselle que se adoptasen as medidas necesarias sinaladas por un técnico municipal para cumprir coa normativa de niveis sonoros establecidos na ordenanza municipal.
A partir de aí realizáronse unha serie de xestións segundo o procedemento administrativo que tocaba aplicar, chegando incluso ante as reiteradas queixas veciñais, a realizar unha medición acústica solicitada polo Concello a unha empresa homologada pola Xunta de Galicia (Centro de Estudios Térmicos e Acústicos). Trala correspondente medición ditouse unha nova resolución de Alcaldía, decreto número 1424/2010, con data de 29 de novembro de 2010, onde se ordenou, como medida cautelar, a suspensión temporal da actividade do establecemento. Ademais advertíuselle que no caso de non cumprir o ordenado procederíase a precintar o local.
A devandita medición acústica realizouse nas vivendas situadas enriba do local, a 1ºB e o 2ºC. Esta medición foi efectuada por unha empresa homologada pola Xunta de Galicia o día 01 de novembro do 2010, ás 12:30 h. e ás 3:00 horas, na que se mediu "o nivel de recepción interno de orixe interno", de acordo co que sinala a ordenanza municipal contra a contaminación acústica, que ten a limitación de recepción de 35 dBA en horario diúrno (entre as 8:00 h. e as 22:00 horas), e de 30 dBA en horario nocturno (entre as 22:00 h. e as 8:00 horas).
Debido a que o propietario do establecemento incumpriu de xeito reiterado a orde de suspensión cautelar da actividade, tal e como queda constatado nos diferentes partes de intervención emitidos pola Policía local, e a pesar dos intentos do titular do local de adoptar as medidas correctoras sinaladas no citado decreto, adoptouse a decisión de precintar o devandito local ata que non se cumpriran estritamente as medidas indicadas no decreto.
Despois de que o propietario do local adoptase as medidas que se lle requirían, o 28 de decembro de 2010, procedeuse ao precintado do limitador de son e realizouse unha nova medición acústica nas vivendas situadas enriba do local (a 1ºB e o 2ºC) para comprobar que se cumprían as medidas correctoras precisas en orde ao cumprimento dos niveis sonoros establecidos na ordenanza municipal. Despois de facer a medición púidose comprobar que o nivel acústico estaba dentro dos límites permitidos.
Polo tanto, posto que na ordenanza municipal contra a contaminación acústica establécese que o límite de emisión para este tipo de locais é de 80 dBA, segundo o nivel de emisión interno que indicou a medición acústica realizada o 28 de decembro do 2010, o pub cumpre cos requirimentos establecidos e acordouse levantar a medida cautelar de suspensión de actividade.
Ademais, concédeselle ao propietario do local un prazo de quince días para o abono do importe da factura emitida pola empresa CETA, Centro de Estudios Térmicos y Acústicos, en concepto do informe de avaliación do impacto acústico xerado polo devandito pub, que ascende a cantidade de 590 euros.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames da por finalizada la regularización del pub 3Pes"
La Voz de Galicia: "Una revisión del nivel de ruidos permite regularizar la actividad de un pub de Bertamiráns"




