[25-02-2015] O Concello de Ames conmemorou onte martes, 24 de febreiro, o Día de Rosalía de Castro cun acto literario e a actuación do cantautor Amancio Prada na Casa da Cultura de Milladoiro. A corporación municipal amesá ao completo, encabezada polo seu alcalde Santiago Amor, asistiu a un evento lírico “abarrotado” de público no que tamén participaron o alcalde de Brión, Xosé Luis García, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Rosalía de Castro naceu en Santiago o 24 de febreiro de 1837. Para rememorar esta data, o Concello de Ames organizou esta efeméride en aras de festexar á insigne poeta galega e difundir entre a veciñanza amesá a súa obra e figura.
A cita músico-literaria foi un gran éxito de participación ao contar coa presenza de máis de cincuenta escolares dos colexios de Educación Infantil do Milladoiro, Barouta, Ventín, Agro do Muíño e os IES do Milladoiro e de Bertamiráns que ofreceron un recital de poemas. Tampouco se quixeron perder esta xuntanza un grupo do obradoiro municipal de Lingua e Cultura e o Clube de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro. Ademais, como broche final, o público gozou dun mini-concerto do músico Amancio Prada.
Na súa intervención, Santiago Amor louvou as actuacións dos pequenos e maiores de Ames que conseguiron dar nova vida aos poemas de Rosalía. O alcalde quixo lembrar que a poesía é para dicir en alta voz, e da man dun gran número de voces “as ideas e as emocións que transmite o relato poético adquiren novos significados”.
Reunidos os veciños e veciñas ao redor da figura de Rosalía, o alcalde manifestou a súa ledicia porque “as novas xeracións se acheguen a súa obra para que os seus textos se convertan nun libro de cabeceira que os acompañe sempre”. Finalmente, Santiago Amor aproveitou o acto público para lembrar de maneira “afectuosa” o recente falecemento do compañeiro da corporación municipal e profesor Alfonso Rey.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Galicia no olvida a Rosalía de Castro"
El Correo Gallego: "A cidadanía lembrou o nacemento de Rosalía e a súa lírica"




