[24-03-2015] O Concello de Ames conmemorou hoxe o Día Forestal Mundial cunha plantación de quince castiñeiros na parte posterior do IES do Milladoiro. Ao acto acudiron a conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana, o Secretario Xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, o alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Medio Ambiente, Alfredo Taboada, a edil de Xuventude, Ana Ruso, os concelleiros socialistas, José Miñones e Blas García, e o director do instituto, Rafael Baliñas.

O rexedor amesán explicou que o obxectivo deste acto simbólico é “concienciar da importancia de coidar o medio ambiente” e destacou que en Ames, “onde nacen tantas nenas e nenos todos os anos, tamén nos gusta plantar árbores como símbolo de vidas que empezan, que crecen e maduran”. Amor manifestou a necesidade de “animar á xuventude a amar a natureza, e mesmo a considerala parte esencial do noso estilo de vida”.
Visita á Escola de Educación Infantil do Milladoiro
A chuvia impediu que os nenos e nenas da Escola de Educación Infantil do Milladoiro participaran hoxe na plantación das árbores pero o alcalde de Ames e a concelleira Ana Ruso achegáronse ao centro para facerlles entrega dunhas sementes de plantas aromáticas.
Un cento de escolares de cinco anos escoitaron a Patricia Reboreda, responsable da Aula da Natureza do Concello de Ames, quen lles explicou as funcións e o significado das árbores e alertounos do perigo dos incendios.
Día Internacional dos Bosques
O Día Forestal Mundial tamén se coñece como o Día Internacional dos Bosques, e foi declarado polos estados membros da Organización das Nacións Unidas no ano 1971. Celébrase oficialmente cada 21 de marzo, coincidindo coa chegada da primavera ao hemisferio norte.




