[18-02-2013] O Concello de Ames conmemorará este domingo, 24 de febreiro, o Día de Rosalía de Castro coa lectura pública de poemas por parte de representantes de diferentes ámbitos culturais e sociais do Concello e cun concerto dos artistas Roi Casal e Silvia Ferre. O acto comezará ás 18:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. A concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, subliña que o Concello “quere lembrar a figura da autora galega no 176 aniversario do seu nacemento, tendo en conta a súa especial vinculación co noso municipio”. “Por iso, preparamos para este domingo unha homenaxe musical e de lembranza da súa obra”, engadiu.
En 2012, o Concello de Ames instaurou o 24 de febreiro como o Día de Rosalía mediante a aprobación por unanimidade en pleno dunha declaración institucional. A moción tiña o obxectivo de impulsar desde o Concello de Ames a proxección do patrimonio literario de Rosalía de Castro cun singular protagonismo pola vinculación da escritora con Ames. O acordo comprometía ao Concello a promover a difusión do legado da escritora. En virtude deste acordo, cada 24 de febreiro, coincidindo co aniversario do nacemento da escritora do que se cumpren 176 anos, o Concello de Ames organizará diversas actividades divulgativas. Ademais, neste ano 2013 tamén se cumpre o 150 aniversario da publicación de Cantares Galegos.
A conmemoración do Día de Rosalía de Castro en Ames contará coa lectura pública de varios poemas da escritora galega que levarán a cabo representantes de distintos ámbitos culturais e sociais do municipio. Da homenaxe musical encargaranse os artistas Roi Casal e Silvia Ferre, a través dun recital de arpa e voz no que incluirán cancións con poemas musicados de Rosalía de Castro que forman parte do seu traballo discográfico.
O artista Roi Casal comezou a súa carreira en solitario co traballo 'Lendas Douradas', un dos discos máis vendidos en Galicia no ano 2009. Actualmente, está presentando o traballo 'Maxicamente vello', co que realizou unha xira de máis de 40 concertos e que inclúe sons pop que proveñen de instrumentos como a arpa, a guitarra eléctrica ou a zanfona e que están marcados polas voces de Roi Casal e Silvia Ferre.
Nos seus traballos, o artista toma referencias de obras de Rosalía de Castro como Cantares Galegos ou Follas Novas. Deste xeito, inclúe temas como Ninfas das frescas augas, Noite de San Xoán ou Tecín Soia, baseados nos poemas da autora.




