As entidades que compoñen a Federación Española de Afectadas de Endometriose (Endospain) convocaron diversas actividades previstas para este sábado, 30 de marzo, en cidades españolas para clausurar o mes dedicado a esta enfermidade, xa coñecido como "Endomarch" ou "Endomarzo". En Galicia, o colectivo QuerEndo Mulleres con Endometriose organiza charlas divulgativas sobre a doenza na Coruña. O Concello de Ames súmase, a través da Concellería de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, a marea amarela facendo visible o seu apoio as mulleres que a padecen. Unha de cada 10 mulleres en idade fértil ten Endometriose, o 15% delas as formas máis severas.
A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, explica que “para conmemorar o mes da Endometriose o Concello de Ames colocou unha bufanda amarela na estatua da praza da Maía. Deste xeito, sumámonos á marea amarela facendo visible o noso apoio as máis de 60.000 mulleres que padecen esta enfermidade en Galicia, das cales o 15% teñen as formas máis severas. Ademais, apoiamos esta causa por esas 9.000 mulleres que padecen unha endometriose incapacítante para moitos aspectos das súas vidas. Hai moito que reivindicar e moito que aprender sobre esta doenza”.
A endometriose é unha enfermidade crónica, inflamatoria e estróxeno dependente que se define como a implantación e crecemento de células similares ás do endométrio, a capa que recubre o útero, fóra del. As localizacións máis frecuentes son trompas e ovarios, aínda que poden atoparse lesións ata noutras 37 partes do corpo, como o intestino, a vexiga, o estómago, o pulmón, o cerebro ou o nariz.
Estas úlceras sangran periodicamente cos cambios das hormonas do ovario e provocan dor que, en moitos casos, acaba por converterse en incapacítante e afecta a diferentes ámbitos da vida. Na actualidade, estímase que unha de cada dez mulleres en idade fértil padece endometriose, o que suporía uns dous millóns de mulleres só en España. O diagnóstico adoita tardar de media de oito a dez anos, desde que se acode por primeira vez ao médico en relación ás dores.