[27-05-2016] Un ano máis o Concello de Ames conmemorou o Día Nacional do Celíaco ofrecendo este venres, 27 de maio, nos comedores escolares un menú sen gluten. Os CEIP da Maía, de Agro do Muíño e de Barouta, as EIM A Madalena e O Bosque, a EEI do Milladoiro e mailo CEP de Ventín serviron este menú ao seu alumnado. Ademais, no comedor de Ventín ofreceuse unha comida na que participaron membros da corporación municipal, nais de nenos/as celíacos, representantes de ACEGA e AEPNAA, directores/as de centros educativos e persoal do departamento de educación, co obxectivo de concienciar sobre o tratamento alimentar que seguen os nenos e nenas que son celíacos ou que teñen algún tipo de alerxia alimentaria.
Decenas de pratos enchéronse este venres cun primeiro de puré de cabaciño e un segundo de pescada á galega con patacas. Amorodos de sobremesa e, para acompañar, pan sen gluten. O alumnado acompañou así, neste día, aos seus compañeiros e compañeiras celíacos. Estes benefícianse dende fai anos dunha dieta preparada especialmente para eles e elas. Este ano o comedor do CEP de Ventín foi o que acolleu a comida que organiza o Concello de Ames, en colaboración coa Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA) e a Asociación Española de Alérxicos a Alimentos e Látex (AEPNAA), para conmemorar o Día Nacional do Celíaco.
Por parte do goberno municipal asistiron os concelleiros/as responsables das áreas de educación e saúde, David Santomil e Luísa Feijóo, que estiveron acompañados da presidenta da Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA), María Teresa García, da directora desta entidade, Ángeles Tobío, da responsable da Asociación Española de Personas con Alergia a Alimentos y Látex (AEPNAA), Dolores Mouriz, dos concelleiros do grupo municipal popular, Alberto Piñeiro e Roberto José Martínez, así como do concelleiro do grupo municipal de Ames Novo, Roberto Amarelle, e do auxiliar administrativo de Pacto por Ames, Manuel Ferreiro.
Xunto a eles estiveron a directora da escola unitaria da Tarroeira, María Carmen Fernández, a directora do CEIP de Barouta, Marta Vieites, en compañía doutro profesor deste colexio, a directora da EEI Milladoiro, Ángeles Ferrón, acompañada da xefa de estudios deste centro, Felisa Ulloa, e maila directora da escola infantil municipal A Madalena, Sandra Dios.
En representación dos pais e nais de nenos/as da Rede Municipal de Comedores Escolares do Concello, con tratamento específico, alerxias e outras enfermidades como a celíaca, asistiron dúas nais. Foron convidadas cerca de 20 familias, e aínda que a todas lles gustaría poder participar nesta comida, por cuestión de conciliación de vida laboral e familiar non lles resultou posible asistir. Por último, asistiron da empresa de monitores dos servizos complementarios, A Billarda, o director executivo, Miguel Ángel López, e o coordinador da área de educación, José Luís Gil, así como a nutricionista municipal, Rosana Martínez, e maila coordinadora da Rede Municipal de Comedores Escolares, Cecilia Rodríguez.
Celiaquía e alerxias alimentarias
O Concello de Ames é pioneiro desde 2005 nesta labor de integración nos seus comedores, mediante o traballo tanto da Rede Municipal de Comedores Escolares como das dúas escolas infantís municipais: O Bosque e A Madalena, ofrecendo aos nenos e nenas usuarios destes servizos menús adaptados ás súas necesidades.
Na Rede Municipal de Comedores Escolares adáptase semanalmente o menú basal aos tratamentos específicos de apoio nutricional por alerxias, intolerancias e outras enfermidades existentes. Nese grupo están incluídos os nenos/as celíacos e os rapaces e rapazas con diferentes alerxias alimentarias. Durante o curso 2015-2016, hai máis de 1.000 escolares que son usuarios fixos da rede de comedores escolares.
Dende este servizo préstase unha especial atención aos usuarios/as que teñen algunha alerxia alimentaria. Esta atención está perfectamente integrada no protocolo de traballo da Rede Municipal de Comedores, tanto a nivel do deseño dos menús adaptados e da súa elaboración nas cociñas municipais, como a nivel de atención específica que estes nenos requiren por parte dos monitores e monitoras do servizo.





