[27-05-2014] O comedor do Centro de Ensinanza Infantil e Primaria (CEIP) Agro do Muíño, situado en Bertamiráns, acolleu este mediodía unha comida coa que o Concello de Ames conmemorou o Día Nacional do Celíaco. Con este xantar preténdese facer extensivo ao resto de alumnado o tratamento alimentar que seguen os nenos e nenas celíacos. Nesta comida participaron o alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, e varios concelleiros/as da corporación municipal, así como profesores dos centros educativos amienses, empregados do colexio, traballadores do Concello, monitores e arredor de 10 pais/nais de nenos e nenas con celiaquía e/ou alerxias alimentarias.
Pan sen glute, ensalada de queixo e noces, arroz con vitela e sandía. Esta foi a comida que se serviu hoxe na rede municipal de comedores escolares e nas escolas infantís para conmemorar o Día Nacional do Celíaco, en colaboración coa Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA) e a Asociación Española de Alérxicos a Alimentos e Látex (AEPNAA). Este menú foi totalmente apto para os celíacos e os nenos/as que sofren algún tipo de alerxia alimentaria. O resto de nenos e nenas que non seguen un tratamento alimentar específico tamén xantaron o mesmo menú.
Por parte da corporación municipal asistiron a este comida o alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, e os/as concelleiros/as José Miñones, Isabel González, Pilar Candocia, Olaia Alvite, Ramón García Argibay e María González.
Xunto a eles, estiveron Isabel Capdevila, representante da Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA); unha representante da Asociación Española de Alérxicos a Alimentos e Látex (AEPNAA); un represente de cada un dos colexios de educación infantil e primaria de Ames; un representante das escolas unitarias de Ames; as directoras das escolas infantís municipais O Bosque e A Madalena; as traballadoras do departamento de Educación; os representantes das empresas de monitores adxudicatarias dos servizos complementarios; e un grupo de 10 pais/nais de nenos e nenas con celiaquía e/ou alerxias alimentarias.
Alerxias alimentarias
O Concello de Ames é pioneiro desde 2005 nesta labor de integración nos seus comedores, mediante o traballo tanto da Rede Municipal de Comedores Escolares como das dúas escolas infantís municipais: O Bosque e A Madalena, ofrecendo aos nenos e nenas usuarios destes servizos menús adaptados ás súas necesidades.
Na Rede Municipal de Comedores Escolares adáptase semanalmente o menú basal aos 110 tratamentos específicos de apoio nutricional por alerxias, intolerancias e outras enfermidades existentes. Nese grupo están incluídos os nenos/as celíacos e os rapaces e rapazas con diferentes alerxias alimentarias. Durante o curso 2013-2014, hai un total de 1.080 escolares que son usuarios fixos da rede de comedores escolares.
Dende este servizo préstase unha especial atención aos usuarios/as que teñen algunha alerxia alimentaria. Esta atención está perfectamente integrada no protocolo de traballo da Rede Municipal de Comedores, tanto a nivel do deseño dos menús adaptados e da súa elaboración nas cociñas municipais, como a nivel de atención específica que estes nenos requiren por parte dos monitores e monitoras do servizo.








