Pestanas principais

O Concello de Ames conmemora o Día Nacional do Celíaco cun menú adaptado para máis de 1.500 escolares

Luns, 29 de maio de 2017

[29-05-2017] O Concello de Ames conmemora este luns, 29 de maio, o Día Nacional do Celíaco ofrecendo un menú adaptado para os 1.229 alumnos/as da Rede municipal de comedores escolares, os 200 nenos e nenas das escolas infantís municipais O Bosque e A Madalena, así como para 151 rapaces e rapazas do programa de Tardes Divertidas. Deste xeito, todos o alumnado comeu un menú adaptado ás persoas que son celíacas. A través desta iniciativa trátase de concienciar sobre o tratamento alimentar que seguen os nenos e nenas que son celíacos ou que teñen algún tipo de alerxia alimentaria.


O Concello de Ames é pioneiro desde 2005 nesta labor de integración nos seus comedores, mediante o traballo tanto da Rede municipal de comedores escolares como das dúas escolas infantís municipais: O Bosque e A Madalena, ofrecendo aos nenos e nenas usuarios destes servizos menús adaptados ás súas necesidades.

Na Rede municipal de comedores escolares adáptase semanalmente o menú basal aos tratamentos específicos de apoio nutricional por alerxias, intolerancias e outras enfermidades existentes. Nese grupo están incluídos os nenos/as celíacos e os rapaces e rapazas con diferentes alerxias alimentarias. Durante o curso 2016-2017, hai 1.229 escolares que son usuarios fixos da rede de comedores escolares e 126 alumnos/as que teñen algún tipo de alerxia alimentaria.

Dende este servizo préstase unha especial atención aos usuarios/as que teñen algunha alerxia alimentaria. Esta atención está perfectamente integrada no protocolo de traballo da Rede municipal de comedores, tanto a nivel do deseño dos menús adaptados e da súa elaboración nas cociñas municipais, como a nivel de atención específica que estes nenos requiren por parte dos monitores e monitoras do servizo.

Os nenos e nenas que comen nos comedores do CEIP da Maía, Agro do Muíño e Barouta, así como na EEI do Milladoiro e no CEP de Ventín comeron un menú composto por ensalada de xoubas, lentellas estufadas e pexego de sobremesa. Os rapaces e rapazas das escolas infantís municipais da Madalena, do Milladoiro, e O Bosque, de Bertamiráns, xantaron ensalada de arroz, lentellas estufadas e melocotón, mentres que o alumnado que asiste ao programa de Tardes Divertidas merendou bocadillo e queixo e piña.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Día Nacional do Celíaco en Ames"