Pestanas principais

O Concello de Ames conmemora o Día Nacional do Celíaco cun menú adaptado para 1.800 escolares

Luns, 28 de maio de 2018

[28-05-2018] O Concello de Ames conmemora este luns, 28 de maio, o Día Nacional do Celíaco ofrecendo un menú adaptado para os 1.181 alumnos/as da Rede municipal de comedores escolares, os 175 nenos/as que comen nas escolas infantís municipais O Bosque e A Madalena, así como para 299 usuarios/as do Bos Días Cole e 154 rapaces e rapazas do programa de Tardes Divertidas. Deste xeito, todos o alumnado comeu un menú adaptado ás persoas que son celíacas. A través desta iniciativa trátase de concienciar sobre o tratamento alimentar que seguen os nenos e nenas que son celíacos ou que teñen algún tipo de alerxia alimentaria.


O Concello de Ames é pioneiro desde 2005 nesta labor de integración nos seus comedores, mediante o traballo tanto da Rede municipal de comedores escolares como das dúas escolas infantís municipais: O Bosque e A Madalena, ofrecendo aos nenos e nenas usuarios destes servizos menús adaptados ás súas necesidades.

Na Rede municipal de comedores escolares adáptase semanalmente o menú basal aos tratamentos específicos de apoio nutricional por alerxias, intolerancias e outras enfermidades existentes. Nese grupo están incluídos os nenos/as celíacos e os rapaces e rapazas con diferentes alerxias alimentarias. Actualmente, hai 132 alumnos/as que teñen algún tipo de alerxia alimentaria.

Dende este servizo préstase unha especial atención aos usuarios/as que teñen algunha alerxia alimentaria. Esta atención está perfectamente integrada no protocolo de traballo da Rede municipal de comedores, tanto a nivel do deseño dos menús adaptados e da súa elaboración nas cociñas municipais, como a nivel de atención específica que estes nenos requiren por parte dos monitores e monitoras do servizo.

Menús adaptados
Os nenos e nenas que comen nos comedores do CEIP da Maía, Agro do Muíño e Barouta, así como na EEI do Milladoiro e no CEP de Ventín comeron un menú composto por xudías con allada, polo ao chilindrón con arroz e plátano de sobremesa. Os rapaces e rapazas das escolas infantís municipais da Madalena, do Milladoiro, e O Bosque, de Bertamiráns, xantaron ensalada de arroz, lentellas estufadas e melocotón. Estes menús van acompañados de pan sen glute, que comerán todos os/as nenos/as usuarios/as destes servizos.

Por outra banda, os/as usuarios/as do programa Bos Días Cole tomaron leite, tostas con aceite de oliva e xamón e mazá, mentres que o alumnado que asiste ao programa de Tardes Divertidas merendou bocadillo de queixo con marmelo e piña. Ao igual que nos menús do xantar, nestes dous servizos, o pan que se empregou para elaborar os almorzos e merendas non contiña glute.

Estes menús adaptados comérono os 1.181 alumnos/as da Rede municipal de comedores escolares, os 175 nenos/as que comen nas escolas infantís municipais O Bosque e A Madalena, así como os 299 usuarios/as do Bos Días Cole e 154 rapaces e rapazas do programa de Tardes Divertidas.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Escolares de Ames, celíacos por un día"
Compostela 24 Horas: "O Concello de Ames conmemora o Día Nacional do Celíaco cun menú adaptado para 1.800 escolares"