[15-03-2017] A Concellaría de Promoción Económica conmemora o Día Mundial das Persoas Consumidoras lembrando que dispón dun servizo de asesoramento que ofrece a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) en Bertamiráns e no Milladoiro. O Concello de Ames asinou en 2016 un convenio con esta entidade para que os veciños e veciñas amesáns dispuxeran deste servizo. Durante o último ano a UCGAL realizou varias xornadas informativas sobre o consumo e aforro da electricidade, o pago dos dereitos de autor e a devolución das cláusulas chan.
A UCGAL, como tantas outras asociacións, fundamenta a súa capacidade de actuación en base a súa masa social, e neste sentido, o seu crecemento durante o último ano foi continuo e sostido nun contexto marcado pola colaboración, a través de convenios, con distintas administración locais como os concellos de Ames e Cangas, e con entidades con proxectos e intereses similares como a FAEPAC. Esta progresiva consolidación como organización de consumidores máis representativa de Galicia permitiu aumentar o número de actividades formativas e informativas e fortaleceu o impacto das accións que UCGAL leva a cabo.
A través do convenio asinado entre o Concello de Ames e maila Unión de Consumidores de Galicia cedéronselle locais en Bertamiráns e no Milladoiro para que esta entidade leve a cabo a súa labor de asesoramento no eido do consumo. Deste xeito, os técnicos da UCGAL atenden ás persoas consumidoras do Milladoiro, nas instalacións da rúa Viorneira, número 6, baixo, os luns de 10:00 a 14:00 horas, e os martes de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. En Bertamiráns, as oficinas están situadas no Pazo da Peregrina e a atención ao público realízase os mércores de 16:30 a 20:30 horas, e os xoves de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas.
É importante que os veciños e veciñas que queiran facer algunha consulta nas oficinas de consumo sobre calquera tema (cláusulas chan, electricidade, gas, telefonía, etc), soliciten cita previa para dispor deste servizo que ofrece a Unión de Consumidores de Galicia tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. Así poderán facer unha consulta personalizada e individual sobre cada caso en particular. Para solicitar información e pedir cita previa hai que chamar ao número de teléfono 662 13 03 12.
Durante o último ano a UCGAL realizou varias xornadas informativas en Ames sobre o consumo e aforro da electricidade, o pago dos dereitos de autor e a devolución das cláusulas chan. Os últimos meses estiveron marcados pola problemática das cláusulas chan e dos gastos hipotecarios. Debido a iso, ofreceuse unha charla en Bertamiráns e outra no Milladoiro para tratar de afondar neste tema. A estas xornadas asistiron un gran número de veciños e veciñas.
A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, agradece o traballo feito en Ames polos técnicos e técnicas da Unión de Consumidores de Galicia e indica que “seguiremos colaborando con esta entidade na defensa dos dereitos das persoas consumidoras de Ames, labor que ten como resultado unha sociedade máis igualitaria e xusta para tódalas persoas”.





