[25-05-2016] A esclerose múltiple é unha enfermidade crónica do sistema nervioso central que afecta a 47.000 persoas en España, 700.000 en Europa, e 2.500.000 en todo o mundo. O Día Mundial da Esclerose Múltiple celébrase este mércores, 25 de maio, (último mércores do mes de maio). Este ano o tema central proposto pola Federación Internacional de Esclerose Múltiple (MSIF) é a independencia. Ademais, dende a Asociación compostelá da esclerose Múltiple invítannos a participar na segunda edición da carreira e andaina solidarias pola esclerose múltiple, que se vai a celebrar este domingo, 29 de maio, as 11:00 horas, en Santiago de Compostela. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o regulamento da carreira.
A esclerose múltiple non me frea: O noso reto é vivir do xeito máis independente posible e gozar ao máximo do día a día. Non é tarefa doada, pero a esclerose múltiple non nos frea no intento, este é o lema este ano da Federación Internacional de Esclerose Múltiple para conmemorar o Día Mundial da Esclerose Múltiple.
Ademais, a Asociación compostelá de esclerose múltiple (ACEM) organiza a “II Carreira e Andaina Solidarias pola Esclerose Múltiple”, este domingo 29 de maio, ás 11:00 horas, na localidade de Santiago de Compostela, baixo o control técnico da Federación Galega de Atletismo, a través da súa delegación en Santiago de Compostela. A saída e a meta da proba estarán instaladas no estanque da Residencia Universitaria (Avenida de Antonio Raimundo Ibáñez). O seu percorrido desenvolverase ao longo da Alameda e da Residencia Universitaria.
As inscricións, que se poden realizar ata a media noite deste mércores 25 de maio, pódense tramitar a través da páxina web www.carreirasgalegas.com. Non se aceptarán inscricións por teléfono nin inscricións fóra dos prazos indicados. Ata o de agora hai 245 inscritos na carreira e 80 persoas inscritas na andaina solidaria. A inscrición ten un custo de 5 euros que se lle darán un uso solidario. Unha vez feito o ingreso nunha das entidades financeiras habilitadas para iso, hai que enviar un correo electrónico cos datos persoais especificando Carreira ou Andaina ao enderezo acemcarreirasolidaria@gmail.com. Tamén se pode colaborar con ingresos e doazóns co Dorsal 0.
A retirada dos dorsais poderá realizarse de dous xeitos. De forma anticipada en Decathlon Santiago de Compostela o venres, 27 de maio, de 16:00 a 20:00 horas, ou o sábado, 28 de maio, de 11:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Outra opción é retirar o dorsal o mesmo día da carreira no lugar de saída, dende as 9:45 e ata 30 minutos antes do comezo de cada unha das carreiras e da andaina.
Contarase con servizos de ambulancia, médico, vehículos de sinalización e escoba. Contarase tamén con garda-roupa na liña de saída/meta e duchas no Estadio de Atletismo da Universidade de Santiago de Compostela, no Campus Vida (Sur). Haberá avituallamento ao final das carreiras e da andaina.




