[23-10-2012] A Concellaría de Educación conmemora este mes o día Mundial da Biblioteca que se celebra este mércores 24 de outubro. Para elo organizáronse varias sesións de contacontos para este mes de outubro. Estas actividades, que están dirixidas aos rapaces e rapazas de 3 a 8 anos, terán o seu escenario nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Aguapesada e Bugallido. Os contos centraranse nunha única temática: a biblioteca. Ademais, os rapaces e rapazas poderán participar nun obradoiro de elaboración dun marcapáxinas conmemorativo do día mundial da Biblioteca.
Este mércores, 24 de outubro, celébrase o día Mundial da Biblioteca. Aproveitando esta conmemoración, a Biblioteca municipal organizou varias sesións de contacontos e obradoiros dirixidos aos rapaces e rapazas amienses. As actividades de animación á lectura que ofrece a Biblioteca municipal amósanlles aos nenos e nenas, mediante sesións de contacontos, a maxia que agochan os libros. Para un mellor funcionamento, as actividades están adaptadas ás idades dos nenos e nenas. Así, as sesións de contacontos están dirixidas especialmente aos nenos de entre 3 e 8 anos.
Estas actividades desenvolveranse nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Aguapesada e Bugallido. A cita cos contos comeza esta semana nas bibliotecas municipais. Así, o mércores 24 de outubro, ás 18:00 h, tócalle a quenda á Biblioteca de Bertamirás, e o xoves 25, á mesma hora, á Biblioteca do Milladoiro. O martes 30 de outubro os contos chegarán ao local social de Augapesada e o día 31, ao local social de Bugallido. Todas as sesión de contacontos realizaranse ás 18:00 horas.
Os contos centraranse nunha única temática: a biblioteca. Ademais, os rapaces e rapazas poderán participar nun obradoiro de elaboración dun marcapáxinas conmemorativo do día mundial da Biblioteca. Estas actividades, como todas as demais que organiza a Biblioteca municipal teñen uns obxectivos claros: fomentar o hábito da lectura, especialmente entre os máis novos, e converter a biblioteca nun referente de encontro nun lugar axeitado para satisfacer as necesidades e inquietudes sociais, culturais, informativas e lúdicas da poboación amiense.




