[12-03-2014] O Concello de Ames, a través da concellaría de Medio Ambiente, deseñou un completo programa de actividades para conmemorar o Día Mundial da Auga que se celebra cada ano o día 22 de marzo. Este programa de actividades comeza o venres, 21 de marzo, cunha charla-coloquio sobre a mellora das características físicas, biolóxicas e supresión de enfermidades dos fondos fluviais a través da aplicación de microorganismos efectivos. Durante a xornada do sábado, 22 de marzo, desenvolverase un obradoiro na Aula da Natureza para que todos os veciños/as que poidan se acheguen a estas instalacións municipais co fin de axudar na elaboración de 8.000 bolas de arxila impregnadas de microorganismos eficientes, que se lanzarán ao fondo do río Sar o día 29 de marzo nun acto que se realizará no paseo fluvial de Bertamiráns.
A próxima semana celebrase a conmemoración de tres importantes efemérides medio ambientais como son o día Forestal Mundial, o Día Mundial da Auga e o día Mundial de Meteoroloxía. Para conmemorar estas efemérides o Concello de Ames, a través da Aula da Natureza, organizou un completo programa de actividades que comezan o venres, 21 de marzo, e que rematarán o sábado, 29 deste mes, cun acto que se desenvolverá no paseo fluvial de Bertamiráns. A través desta programación de actividades, que se denominan “Dálle vida ao Sar”, preténdese realizar unha acción conxunta de mellora da calidade ambiental do río Sar.
As actividades comezan o venres, 21 de marzo, cunha charla-coloquio sobre a mellora das características físicas, biolóxicas e supresión de enfermidades dos fondos fluviais a través da aplicación de microorganismos efectivos. A veciñanza amiense coñecerá como actúan estes microorganismos nos lodos do río Sar. Esta charla desenvolverase a partir das 19:00 horas no Pazo da Peregrina, situado en Bertamiráns. Posteriormente, o sábado 22 de marzo, a Aula da Natureza, que está situada no lugar de Quintáns, número 5, pertencente á parroquia da Ameixenda, acollerá un obradoiro dende as 10:30 ata as 19:00 horas.
Durante estas preto de nove horas os veciños e veciñas de Ames poderán pasar polas instalacións da Aula da Natureza para botar unha man na elaboración das bolas de arxila, que posteriormente se lanzarán o río Sar o día 29 de marzo. Neste obradoiro intentarase elaborar 8.000 bolas de arxila impregnadas de microorganismo eficientes, que son unha combinación de microorganismos beneficiosos de orixe natural e ubicuos. Estes microorganismos eficientes quedarán fermentando na Aula da Natureza ao longo de toda a semana para despois ser lanzados ao río Sar.
Acto central do Día Mundial da Auga
O acto central da programación do Día Mundial da Auga desenvolverase o sábado, 29 de marzo, no paseo fluvial de Bertamiráns. A partir das 12:30 horas desenvolveranse unha serie de actividades para conmemorar o día Forestal Mundial, o Día Mundial da Auga e o día Mundial de Meteoroloxía, que se celebran os días 21, 22 e 23 de marzo, respectivamente. Deste xeito, lanzaranse as 8.000 bolas de arxila con microorganismo eficientes nun tramo do río Sar duns 1.200 metros cadrados aproximadamente, para mellorar o fondo e a calidade da auga deste río.
A través desta actuación preténdese que os fangos contidos no interior do tramo do río Sar onde se vai actuar, se mineralicen e se convertan en compostos húmicos, capaces de reproducir e manter a vida do río na súa forma non contaminada, coa conseguinte recolonización de vexetais e fauna acuática característica da zona.
Estes microorganismos efectivos cambian a micro e macroflora dos chans, e melloran o equilibrio natural, de maneira que os chans con axentes patóxenos se converten en chans supresores de enfermidades. Ademais, restablecen o equilibrio microbiolóxico do chan, mellorando as súas condicións físico-químicas, incrementando a produción dos cultivos e a súa protección. A través dos efectos antioxidantes promoven a descomposición da materia orgánica e aumentan o contido de humus, así como axudan a conservar os recursos naturais, xerando unha agricultura sostible.
Por outra banda, no contorno do paseo fluvial de Bertamiráns impartiranse obradoiros relacionados coa auga e realizarase unha plantación simbólica en conmemoración do día internacional da árbore. Tamén haberá música e unha exposición sobre a bolboreta monárquica, que está sufrindo cambios na súa migración debido aos efectos do cambio climático.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames celebra el Día del Agua con un plan de recuperación del fondo fluvial del río Sar"
El Correo Gallego: "Ames conmemora o Día Mundial da Auga"




