Pestanas principais

O Concello de Ames conmemora o Día Mundial da Auga cun completo programa de actividades no Monte-Escola

Xoves, 22 de marzo de 2012

[22-03-2012] Un grupo de 50 alumnos/as de 6º de Educación Primaria do CEIP Agro do Muíño acudiron esta mañá ao Monte Escola do Concello de Ames para conmemorar o Día Mundial da Auga. Os nenos e nenas desenvolveron labores de limpeza e mantemento nesta finca. Ademais, unha técnico do departamento de Medio Ambiente impartiulles unha charla sobre a importancia das árbores no ciclo da auga. O alcalde de Ames, Santiago Amor, realizou unha visita ao Monte-Escola, que está situado no lugar de Carballo pertencente á parroquia de Trasmonte, para coñecer a experiencia dos rapaces e rapazas. O alcalde lembrou que debemos ser conscientes de que a auga é de todos e que, entre todos, temos que preocuparnos de facer un consumo responsable. Mañá, con motivo do Día Mundial da Meteoroloxía, repetírase esta mesma actividade cun grupo de 50 nenos/as de 5º de Educación Primaria do CEIP Agro do Muíño.


A importancia da auga

Tralos primeiros traballos realizouse unha breve pausa para almorzar e recargar forzas. Despois do descanso desenvolveuse a segunda parte do programa de actividades que estivo relacionado co Día Mundial da Auga. Os nenos e nenas do CEIP Agro do muíño repasaron os diferentes consellos que hai que seguir tanto no ámbito familiar como escolar para conseguir un importante aforro no consumo de auga. Outro dos apartados que se tocou foi a importancia que ten a auga na obtención e produción de alimentos. Deste xeito, os rapaces e rapazas puideron coñecer que para a obtención de 1 quilo de carne necesítanse 16.000 litros ou para obter 1 quilo de arroz gástanse 3.000 litros de auga. Tamén se destacou que os alimentos frescos ocasionan un menor gasto de auga que os alimentos que están precociñados ou preparados.

Un dos temas que máis lle interesou aos nenos/as foi o da marca hídrica. Este indicador expresa a cantidade de auga necesaria para producir calquera alimento ou obxecto que empregamos na vida cotiá. Un dos países que ten a marca hídrica máis baixa é China cun gasto de 700 metros cúbicos de auga por persoa ao ano. Mentres que o país que ten un maior índice no indicador de pegada hídrica é Estados Unidos cun gasto de 2.500 metros cúbicos de auga por habitante ao ano. Pola súa parte, España ten unha pegada hídrica moi semellante ao dos Estados Unidos, cun gasto de 2.325 litros de auga por persoa ao ano.

Outros dos puntos que se lle explicou ao alumando foi o progresivo aumento de auga que se produciu durante os últimos dous séculos. Durante os últimos 200 anos a poboación mundial pasou de 1.000 millóns de habitantes a 7.000 millóns. Iso ocasionou un incremento no consumo de auga sen que este recurso aumentase, polo que é preciso facer un mellor uso da auga co obxectivo de poder producir alimentos para toda a poboación mundial. O obxectivo desta charla foi concienciar o alumnado da importancia que ten o aforro de auga non só nos hábitos do día a día como pode ser pechar correctamente as billas e non consumir moita auga no aseo persoal de cada persoa, senón tamén na produción de alimentos e noutros aspectos da vida cotiá.

Por último, os rapaces e rapazas coñeceron a importancia da auga no ciclo da auga. A técnico do departamento de Medio Ambiente explicoulle ao alumnado a importancia das árbores no ciclo da auga. As árbores que están plantadas na parcela do monte escola son autóctonas polo que precisan menos auga e están habituadas ao clima de Galicia. Outra das cuestións que se abordou foi a interrupción do ciclo da auga debido a diferentes factores como poden ser os incendios ou a tala de árbores. Iso provoca unha minoración no proceso de vaporización e cambios no clima polo que é preciso asegurar un equilibrio no ciclo da auga. Esta actividade estivo dirixida por unha técnica do departamento de Medio Ambiente e contou coa colaboración do persoal da brigada ambiental do Concello de Ames.


Esta semana celebrase a conmemoración de tres importantes efemérides medio ambientais como son o día Forestal Mundial, o Día Mundial da Auga e o día Mundial de Meteoroloxía. Para conmemorar estas efemérides o Concello de Ames organizou un completo programa de actividades no Monte Escolar. As actividades comezaron esta mañá cun grupo de 50 alumnos/as de 6º de Educación Primaria do CEIP Agro do Muíño que se desprazaron ata o Monte-Escola, que está situado no lugar de Carballo pertencente á parroquia de Trasmonte.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, participou nesta actividade didáctica xunto aos alumnos, aos que lembrou que "debemos ser conscientes de que a auga é de todos e que, entre todos, temos que preocuparnos de facer un consumo responsable". Segundo lles explicou Santiago Amor, "a falta de chuvias e a seca destas semanas obríganos aínda máis a facer ben os deberes, tanto desde as administracións como nas casas particulares". Neste sentido, o alcalde convidou aos nenos "a axudarnos a difundir entre os vosos amigos e familias a mensaxe de que temos que aforrar auga porque cada pinga de auga é importante". Do mesmo xeito, Amor incidiu na importancia de todas as tarefas preventivas que axudan a evitar os lumes forestais e que hoxe os nenos puideron coñecer en primeira persoa. "Hoxe é un día para reflexionar sobre a nosa responsabilidade no coidado do medio ambiente e estou seguro que esta mañá estades a aprender cousas que lembraredes toda a vida", asegurou.

Os rapaces e rapazas chegaron á parcela do monte escolar arredor das 10:15 horas. En primeiro lugar recibiron unha charla por parte dunha técnica de departamento de Medio Ambiente, que lles explicou o motivo polo cal é necesario crear datas de conmemoración mundial como é o caso do Día Mundial da Auga ou da Meteoroloxía. Deste xeito, o alumnado comprendeu que é necesario concienciar a poboación mundial da necesidade de preocuparse e poñerlle freo aos problemas ambientais que existen na actualidade como é a escaseza de auga ou os incendios forestais.

A segunda explicación que recibiron foi sobre que é o Monte-Escola do Concello de Ames que leva funcionando dende o ano 2006. O Concello de Ames dispón de dúas parcelas en Trasmonte, cedidas por dúas veciñas amienses, onde o alumnado dos centros de ensino poden levar a cabo actividades de carácter ambiental como a recuperación do patrimonio forestal do concello, analizar os efectos dos incendios forestais no medio, diferenciar entre as distintas especies forestais, etc.

Tamén se lle explicou ao alumnado que o monte escolar é de todos os rapaces e rapazas que cursan estudos nos centros de ensino do Concello de Ames, polo tanto ao ser propietarios deste monte teñen a obriga de acondicionalo para previr os lumes na época estival. Deste xeito, tras a explicación, os rapaces e rapazas comezaron a desenvolver os traballos de acondicionamento e limpeza do Monte-Escola. Os rapaces repartíronse en tres grupos: un dos grupos dedicouse a arrincar as especies invasoras que naceron durante o último ano no monte escolar, o segundo grupo dedicouse á limpeza do monte e o terceiro grupo realizou o coidado das plantas aromáticas. Todos os nenos/as foron pasando polos tres grupos de traballo. Ademais de limpar as malas herbas que naceron arredor das árbores, os rapaces e rapazas tamén cavaron e removeron a terra para osixenala.