Pestanas principais

O Concello de Ames conmemora o Día Internacional do Medio Ambiente cunha plantación de carballos na Aula da Natureza

Mércores, 05 de xuño de 2013

[05-06-2013] Máis de 60 nenos e nenas da escola infantil do Bosque de Bertamiráns achegouse esta mañá ata a Aula da Natureza, situada na parroquia da Ameixenda, para realizar unha plantación de carballos coa que conmemoraron o Día Mundial do Medio Ambiente. Este acto forma parte da programación deseñada pola Concellería de Medio Ambiente para conmemorar esta data e que inclúe un conxunto de actividades e obradoiros que están dirixidos á veciñanza amiense e aos centros de ensino do concello. Na plantación de carballos, os rapaces e rapazas estiveron acompañados pola concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín.

O alumnado de 2 a 3 anos da escola infantil do Bosque de Bertamiráns chegou en autobús ata a Aula da Natureza para participar nesta actividade de recuperación ambiental. No contorno da Aula da Natureza plantaron varios carballos que tiñan no xardín da escola infantil. Ademais, aprenderon a regalos e a coidalos para que medren e despois podelos transplantar no monte. A comezos de curso sementaron varias landras que xermolaron e comezaron a medrar nestes últimos meses converténdose en pequenas árbores. As actividades de reforestación permiten que os nenos e nenas manteñan un contacto directo cos espazos naturais ao tempo que contribúen á súa conservación.

O Día Mundial do Medio Ambiente ten como lema este ano Pensa. Aliméntate. Aforra, unha campaña para reducir os refugallos e as perdas de alimentos. Segundo a FAO, cada ano desperdícianse 1,3 billóns de toneladas de comida. Esta cifra equivale á produción alimentaria de todo o África Subsahariana. Ao mesmo tempo, unha de cada sete persoas do planeta vaise á cama con fame e máis de 20.000 nenos de menos de 5 anos morren de fame cada día.

Tendo en conta este enorme desequilibrio e os efectos devastadores que isto ten para o medio ambiente, o lema deste ano, Pensa. Aliméntate. Aforra, pretende dar a coñecer o impacto que teñen as nosas decisións alimentarias e como tomalas 100% informados. Esta campaña, á que se suma o Concello de Ames, está dirixida tanto ás persoas particulares como aos supermercados e grandes superficies comerciais.

Con motivo da conmemoración do Día Internacional do Medio Ambiente o Concello de Ames, a través da concellaría de Medio Ambiente, vai a desenvolver varias actividades e obradoiros que están dirixidas á veciñanza amiense e aos centros de ensino do concello. Este programa de actividades comezou hoxe cunha plantación de carballos que realizou o alumnado da Escola infantil municipal O Bosque.

Obradoiro, “Comida de reciclaxe”
Para o sábado, 8 de xuño, está previsto que se realice na Aula da Natureza un obradoiro denominado “Comida de reciclaxe”, que está dirixido aos nenos/as de 7 a 16 anos. Para esta actividade ofértanse 30 prazas. Nesta actividade vanse elaborar receitas de cociña moi orixinais empregando as sobras da comida do día anterior. Esta actividade está relacionada co lema deste ano do Día Internacional do Medio Ambiente, Pensa. Aliméntate. Aforra, que pretende reducir os refugallos e a perda de alimentos. O obradoiro desenvolverase en horario de 11:00 h a 13:30 horas.

Todas os rapaces e rapazas que desexen participar neste obradoiro terán que inscribirse antes do venres 7 de xuño, ás 14:00 horas. Para inscribirse nesta actividade teñen que enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.org ou chamar ao número de teléfono 660 004 665. Outra opción é enviar un correo electrónico ao enderezo medioambiente@concellodeames.org ou chamar ao número de teléfono 662 377 544.

Andaina solidaria
As actividades continúan o domingo, 9 de xuño, cunha andaina solidaria. A través desta iniciativa preténdese recadar produtos de hixiene e alimentación para bebés (cueiros, leite de continuación, cereais, potitos, cremas, xabóns, toalliñas, etc.). Todos os produtos que se recaden serán cedidos a Cáritas Diocesana do Milladoiro e Bertamiráns, para que os distribúan entre as familias máis necesitadas do concello.

Esta andaina desenvolverase polo Camiño Real de Santiago a Fisterra ao seu paso polo termo municipal de Ames. A saída realizarase ás 11:00 horas dende o Mesón Alto do Vento. Pasarase polos lugares de Pousada e Carballo, entre outros, rematando en Ponte Maceira arredor das 13:30 horas. Percorreranse algo máis de 7 quilómetros en dúas horas e media de andaina.

As persoas que desexen participar nesta actividade poden inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.org ou medioambiente@concellodeames.org. Tamén poden chamar aos números de teléfono 660 004 665 ou 662 377 544.

Festa da Terra
O domingo, 16 de xuño, o Concello de Ames celebra o Día da Terra na Área recreativa de Tapia. Neste evento a veciñanza amiense conmemorará o Día Internacional do medio Ambiente. O departamento de Medio Ambiente está preparando un programa específico de actividades ambientais que incluíra obradoiros, xogos e música. Estas actividades desenvolveranse durante toda a tarde, entre as 16:00 h e as 20:00 horas.

Outras actividades da escola infantil
A plantación de carballos na Aula da Natureza enmárcase no conxunto de actividades realizadas durante o curso pola escola infantil O Bosque. Unha das últimas saídas realizouse a semana pasada, cando os nenos de 1 a 2 anos visitaron un supermercado para que os nenos puideran ver onde se compran os alimentos, como é proceso desde que se chega ao supermercado ata que se fai a compra: escolleita dos produtos, pesado, pago da compra e traslado ata a casa. Unha vez na aula, e rematada a aventura, entre todos/as compartiron os alimentos que compraron.

Ademais, e aproveitando que na escola estaban tratando o tema dos animais e as profesións, a escola acolleu a visita de Luísa, unha científica do CSIC. Luísa levou á escola todo tipo de obxectos para explicarlles aos nenos e nenas en qué consiste a súa profesión: conchas, cabaliños de mar, cangrexos, chocos, estrelas de mar e uns contos.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Carballos, reciclaje, fiesta y ruta por el Medio Ambiente"