Pestanas principais

O Concello de Ames conmemora o Día Internacional do Medio Ambiente cun amplo abano de actividades e obradoiros

Martes, 04 de xuño de 2013

[04-06-2013] O Concello de Ames desenvolverá ao longo deste mes diversas actividades para conmemorar o Día Internacional do Medio Ambiente, que se conmemora este mércores, 5 de xuño, co obxectivo de poñer en valor o noso medio e reducir os refugallos e a perda de alimentos. Este programa de actividades comeza o día 5 de xuño cunha plantación de carballos que realizará o alumnado da Escola infantil municipal O Bosque. Para o sábado, 8 de xuño, está previsto que se realice na Aula da Natureza un obradoiro denominado “Comida de reciclaxe”, que está dirixido aos nenos/as de 7 a 16 anos. Nesta actividade vanse elaborar receitas de cociña moi orixinais empregando as sobras da comida do día anterior. Para inscribirse nesta actividade poden poñerse en contacto co Concello de Ames a través do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org e do número 660 004 665 ou a través do correo electrónico medioambiente@concellodeames.org e do número de teléfono 662 377 544.

O Día Mundial do Medio Ambiente ten como lema este ano Pensa. Aliméntate. Aforra, unha campaña para de reducir os refugallos e as perdas de alimentos. Segundo a FAO, cada ano desperdícianse 1,3 billóns de toneladas de comida. Esta cifra equivale á produción alimentaria de todo o África Subsahariana. Ao mesmo tempo, unha de cada sete persoas do planeta vaise á cama con fame e máis de 20.000 nenos de menos de 5 anos morren de fame cada día.

Tendo en conta este enorme desequilibrio e os efectos devastadores que isto ten para o medio ambiente, o lema deste ano, Pensa. Aliméntate. Aforra, pretende dar a coñecer o impacto que teñen as nosas decisións alimentarias e como tomalas 100% informados. Esta campaña, á que se suma o Concello de Ames, está dirixida tanto ás persoas particulares como aos supermercados e grandes superficies comerciais.

Con motivo da conmemoración do Día Internacional do Medio Ambiente o Concello de Ames, a través da concellaría de Medio Ambiente, vai a desenvolver varias actividades e obradoiros que están dirixidas á veciñanza amiense e aos centros de ensino do concello. Este programa de actividades comeza o día 5 de xuño cunha plantación de carballos que realizará o alumnado da Escola infantil municipal O Bosque.

O alumnado de 2 a 3 anos da escola infantil do Bosque de Bertamiráns irá en autobús ata a Aula da Natureza, situada na parroquia da Ameixenda, para participar nesta actividade de recuperación ambiental. No contorno da Aula da Natureza plantarán varios carballos que teñen no xardín da escola infantil. A comezos de curso sementaron varias landras que xermolaron e comezaron a medrar nestes últimos meses converténdose en pequenas árbores.

A continuación, o venres 7 de xuño, os alumnos e alumnas do CEIP de Barouta participarán nunha excursión á praia de Aguieira, situada no concello de Porto so Son, na que poderán coñecer os diferentes tipos de cunchas que se poden ver cando das un paseo pola praia coa marea baixa. Unha vez identificadas levaranas para o colexio onde farán unha exposición de todas elas.

Obradoiro, “Comida de reciclaxe”
Para o sábado, 8 de xuño, está previsto que se realice na Aula da Natureza un obradoiro denominado “Comida de reciclaxe”, que está dirixido aos nenos/as de 7 a 16 anos. Para esta actividade ofértanse 30 prazas. Nesta actividade vanse elaborar receitas de cociña moi orixinais empregando as sobras da comida do día anterior. Esta actividade está relacionada co lema deste ano do Día Internacional do Medio Ambiente, Pensa. Aliméntate. Aforra, que pretende reducir os refugallos e a perda de alimentos. O obradoiro desenvolverase en horario de 11:00 h a 13:30 horas.

Todas os rapaces e rapazas que desexen participar neste obradoiro terán que inscribirse antes do venres 7 de xuño, ás 14:00 horas. Para inscribirse nesta actividade teñen que enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.org ou chamar ao número de teléfono 660 004 665. Outra opción é enviar un correo electrónico ao enderezo medioambiente@concellodeames.org ou chamar ao número de teléfono 662 377 544.

Andaina solidaria
As actividades continúan o domingo, 9 de xuño, cunha andaina solidaria. A través desta iniciativa preténdese recadar produtos de hixiene e alimentación para bebés (cueiros, leite de continuación, cereais, potitos, cremas, xabóns, toalliñas, etc.). Todos os produtos que se recaden serán cedidos a Cáritas Diocesana do Milladoiro e Bertamiráns, para que os distribúan entre as familias máis necesitadas do concello.

Esta andaina desenvolverase polo Camiño Real de Santiago a Fisterra ao seu paso polo termo municipal de Ames. A saída realizarase ás 11:00 horas dende o Mesón Alto do Vento. Pasarase polos lugares de Pousada e Carballo, entre outros, rematando en Ponte Maceira arredor das 13:30 horas. Percorreranse algo máis de 7 quilómetros en dúas horas e media de andaina.

As persoas que desexen participar nesta actividade poden inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.org ou medioambiente@concellodeames.org. Tamén poden chamar aos números de teléfono 660 004 665 ou 662 377 544.

Excursión á praia de Aguieira e o Castro de Baroña
Dende o pasado curso o Concello de Ames abriu as actividades da Aula da Natureza aos centro de ensino da comarca. Deste xeito, o alumnado do CEIP Quiroga Palacios, situado en Santiago de Compostela, participará o luns 10 de xuño nunha excursión á praia de Aguieira, onde coñecerán os diferentes tipos de cunchas que se poden ver cando das un paseo pola praia coa marea baixa. Ademais, visitarán o Castro de Baroña. Neste lugar coñecerán máis polo miúdo a cultura Castrexa. O alumnado deste mesmo centro de ensino tamén participará o mércores, 19 de xuño, nunha actividade medio ambiental sobre a flora e fauna dun regato.

As actividades escolares continuarán o martes 18 de xuño. Neste caso, os alumnos/as do CEIP da Maía participarán nunha andaina pola Ruta de Riamontes. Os rapaces e rapazas deste centro de ensino percorrerán sete quilómetros andando polos arredores do regato e dos muíños que hai no seu contorno. Na metade da andaina os camiñantes chegarán ao Alto de San de Marcos onde se fará un breve descanso e poderase gozar dunha panorámica do Val da Maía.

Festa da Terra
O domingo, 16 de xuño, o Concello de Ames celebra o Día da Terra na Área recreativa de Tapia. Neste evento a veciñanza amiense conmemorará o Día Internacional do medio Ambiente. O departamento de Medio Ambiente está preparando un programa específico de actividades ambientais que incluíra obradoiros, xogos e música. Estas actividades desenvolveranse durante toda a tarde, entre as 16:00 h e as 20:00 horas.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames conmemora o Día Internacional do Medio Ambiente cun amplo abano de actividades e obradoiros"