Pestanas principais

O Concello de Ames conmemora o Día Internacional de loita contra a violencia de xénero

Venres, 23 de novembro de 2012

[23-11-2012] Ao longo desta semana o Concello de Ames, a través da concellaría de Muller e Igualdade, realizou unha serie de actos con motivo da conmemoración do Día Internacional de loita contra a violencia de xénero. Este venres, ás 12:00 horas, fíxose unha cadea humana na praza do Concello e gardouse un minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero. A continuación, a concelleira de Muller e Igualdade, María González, dou lectura a un manifesto que foi elaborando de forma conxunta entre os tres partidos políticos que teñen representación na corporación municipal (PP, PSOE e non adscritos). Os actos comezaron o martes pasado, 20 de novembro, no auditorio do IES de Ames. Tanto o alumnado deste centro de ensino coma a veciñanza amiense gozou co espectáculo “I´ll be watching you” (Hei estar vixiándote) da compañía teatral Chévere. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás descargar o manifesto.

Baixo o lema Nin estás soa, nin es a única a concellaría de Muller e Igualdade organizou unha serie de actos para conmemorar o Día Internacional de loita contra a violencia de xénero. Estes actos comezaron este martes pasado cun espectáculo musical que se desenvolveu no salón de actos do IES de Ames. A compañía Chévere puxo en escena o espectáculo I´ll be watching you (Hei estar vixiándote). A este espectáculo asistiron a concelleira de Muller e Igualdade, María González, a concelleira de Servizos Sociais, Familia, Dependencia e Maiores, Dolores Fernández, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, así como a concelleira do grupo socialista, Isabel González.

Logo do traballo realizado co proxecto Testosterona, a compañía Chévere segue desenvolvendo o seu teatro con perspectiva de xénero e representou esta peza musical que analiza os roles de xénero que transmite a música comercial, para actuar na prevención da violencia de xénero e promover o pensamento crítico.

O espectáculo, denominado I’ll be watching you, toma o seu título dunha balada do grupo Police, Every breath tou take, que fala da obsesión dun amante abandonado que repite hei estar vixiando, ti perténcesme. Baixo ese punto de partida, a vocalista Yeni e o guitarrista Dami, que forman unha orquestra de pachanga, analizaron as cancións e produtos musicais que consume a mocidade, dende unha perspectiva de xénero. Deste xeito, a través de diferentes cancións de Beyoncé, Shakira ou Los Cantantes co tema Te compro tu novia, abordaron cuestións tan importantes como as relacións de parella, o namoramento, a paixón, a posesión, a dependencia e os ideais románticos.

Este espectáculo intentou fomentar o espírito crítico e a toma de conciencia da necesidade de actuar para previr situacións susceptibles de derivar en relacións desiguais ou en violencia de xénero. A iniciativa forma parte da oferta de actividades de Igualdade á rede de entidades locais contra a violencia de xénero, creada o pasado mes de setembro en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias, FEGAMP.


Cadea humana contra a violencia de xénero
Os actos continuaron este venres 23 de novembro, ás 12:00 horas, cunha cadea humana contra a violencia de xénero que se fixo na praza do Concello. Nesta cadea humana de unión contra esta lacra social participaron tanto veciños/as coma traballadores municipais e concelleiros/as da corporación municipal. Todas as persoas que fixeron a cadea humana gardaron un minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero. A continuación, a concelleira de Muller e Igualdade, María González, dou lectura a un manifesto que foi elaborando de forma conxunta entre os tres partidos políticos que teñen representación na corporación municipal (PP, PSOE e non adscritos). María González estivo acompañada das concelleiras Isabel González e Pilar Candocia.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames conmemora o Día Internacional contra a violencia de xénero"