Pestanas principais

Conmemórase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia cunha proposta formativa para os centros de ensino

Venres, 11 de febreiro de 2022

Este venres, 11 de febreiro, celébrase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Por este motivo o Concello de Ames quere dar a coñecer o papel das mulleres no ámbito científico dentro do noso municipio. Para iso dende as Concellarías de Promoción Económica e Igualdade fixéronlle unha proposta aos centros de ensino do municipio para incidir na concienciación e na divulgación de iniciativas científicas que, desenvoltas por mulleres, son casos de éxito no noso entorno. Nesta iniciativa participarán a investigadora matemática e vicepresidenta da Real Sociedade Matemática Española, Victoria Otero Espinar, e maila empresa Conic Vascular (Manuel Parente, presidente, e Paula Rey, responsable de calidade).

Hoxe, 11 de febreiro, celébrase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, por este motivo o Concello de Ames quere dar a coñecer o papel das mulleres no ámbito científico dentro do noso municipio. Deste xeito, as Concelleiras de Promoción Económica e Igualdade queren colaborar cos centros de ensino do municipio para incidir na concienciación e na divulgación de iniciativas científicas que, desenvoltas por mulleres, son casos de éxito no noso entorno.

Para iso realizáronlle unha proposta aos colexios e institutos para que o alumnado poida visualizar o papel da Muller e da Nena, a través dunha conferencia na que participará a investigadora matemática e vicepresidenta da Real Sociedade Matemática Española, Victoria Otero Espinar. En dita conferencia tamén participarán Manuel Parente, presidente da empresa con sede en Ames, Conic Vascular, e Paula Rey, responsable de calidade de dita empresa. Esta iniciativa vaise desenvolver ata o 28 de febreiro de 2022.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradeceulle ás veciñas de Ames e ás empresas a súa disposición para colaborar co Concello de Ames nesta iniciativa. “Queremos visibilizar o traballo das nosas veciñas no eido da ciencia e da innovación e así crear referentes femininos, para as nenas e mozas do noso concello, e que poidan contribuír de xeito positivo na elección das súas carreiras profesionais”.

A concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo, destaca que “é moi importante visibilizar o papel das mulleres e a súa contribución ao mundo das ciencias, hai que poñer de manifesto non só a discriminación sufrida polas mulleres neste eido, senón tamén a negación das súas achegas, descubrimentos e traballos ao longo da historia, moitas veces atribuídos aos seus compañeiros ou parellas. Non podemos permitirnos desperdiciar a capacidade intelectual da metade da poboación. As nenas teñen que ter referentes femininos e teñen que saber que teñen as mesmas capacidades”.

Vídeo para dar visibilidade á muller na ciencia
Por outra banda, cómpre lembrar que o Concello de Ames elaborou o pasado ano unha peza audiovisual para dar visibilidade á muller na ciencia e a innovación, mostrando distintas iniciativas que, dende o eido privado e público, se están a desenvolver por mulleres e nenas de Ames.

Deste xeito, faise pública a labor que, tanto rapazas como adultas, realizan no sector da ciencia. O vídeo recolle o traballo que fan nenas como Laura Montaña e Rosana Fernández do IES Ames; Clara González e Antía Somoza, xunto coa súa profesora Mónica Parente, no IES do Milladoiro; Martina Rey Pérez, Aixa Tarrio Mato, Enma Martinez Carrillo e Adriana Trenco Varela, alumnas do CEIP de Barouta. Ademais, neste traballo audiovisual tamén aparecen Sara Zendón e Elena Ventoso, do CEP Plurilingüe de Ventín; Aldara Domínguez e Candela Penedo do CEIP A Maía, e Zoe Glasscock e Julia Abelleira do CEIP Agro do Muíño.

En canto ás mulleres que se adican á ciencia e á innovación en Ames, o vídeo mostra empresas innovadoras con sede no concello de Ames. Deste xeito, participan Paula Rey, responsable de calidade da empresa Conic Vascular España; Paz Dapena, xefa de proxectos da empresa Bahía Software; e Berta Caro, directora de corporativo da empresa Tecalis. Ademais, participan no proxecto Victoria Otero Espinar, unha investigadora matemática, que dispón dunha experiencia en investigación de 32 anos e cunha experiencia como docente de 34 anos, e Magdalena Seco, médico e xefa de servizo do centro de saúde do Milladoiro.

Ames coa ciencia e a innovación
O Concello de Ames, como membro da Rede Innpulso, dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, traballa co sector empresarial amesán no desenvolvemento de políticas de promoción empresarial que incentiven un modelo produtivo baseado na ciencia e a innovación. Entre os diferentes proxectos que se realizaron, destacan o InnovaAmes ou a recente posta en marcha do espazo coworking A Proa, adicado a empresas innovadoras.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Victoria Otero y Conic Vascular ponen en valor a las científicas maianas"

Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia

Multimedia

  • Embedded thumbnail for