[07-03-2014] Este venres, 7 de marzo, ás 10:30, tivo lugar na praza do Concello, en Bertamiráns, o acto de inauguración da instalación urbana programada polo Concello e o CIM de Ames, para conmemorar o Día Internacional da Muller 2014. A instalación, que se denomina "Palabras para a igualdade", consta de varios cubos e un panel, nos que a veciñanza amiense pode expresar, con palabras ou debuxos, como sente a igualdade. Trátase dunha actividade participativa na que se pretende que se involucren os veciños/as e diferentes colectivos do municipio. A este acto asistiron o alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, o concelleiro do grupo de non adscritos, Manuel Ferreiro, así como o persoal do Centro de Información á Muller, algúns traballadores municipais, diferentes representantes de asociacións amienses e un grupo de 32 nenos/as de 6 de Primaria do CEIP Agro do Muíño.
O Concello de Ames deseñou unha programación específica para celebrar o Día Internacional da Muller, que comezou a desenvolverse este venres pola mañá e continuará mañá pola tarde na praza do Concello, en Bertamiráns. Estas actividades xiran en torno a unha instalación urbana concibida para poder ser construída, paso a paso, por todas as persoas do concello interesadas en participar na mesma. A instalación, que se denomina 'Palabras para a igualdade', consta de varios cubos e un panel. No panel aparece a palabra Ames que está formada por diferentes nomes de mulleres e homes.
Esta instalación esta situada na praza do Concello, unha zona pola que transita diariamente unha gran cantidade de veciños e veciñas de Ames. Deste xeito, a cidadanía amiense pode expresar nesta instalación, con palabras ou debuxos, como sente a igualdade. A instalación de cubos e o panel estiveron colocados na praza do Concello este venres pola mañá, entre as 10:30 e as 14:00 horas, co obxectivo de que a corporación municipal e os traballadores municipais, así como os veciños e veciñas que o desexasen, puideran participar nesta iniciativa.
A concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, explicou que “a través deste acto queremos representar unha oportunidade para a igualdade, que é o mesmo que dicir unha oportunidade para unha vida en común mais enriquecedora, máis equitativa, máis harmónica e máis satisfactoria para todas as mulleres. O Concello de Ames quere que o acto de hoxe serva para abrir esas novas oportunidades e para renovar a convicción de que a situación actual non pode ser un obstáculo, senón todo o contrario, un acicate para gañar novos territorios para a igualdade”.
Cómpre salientar que ao longo da mañá deste venres foron moitas as persoas que se achegaron ata esta instalación para interesarse e participar nesta iniciativa. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, asinaron no panel desta instalación xunto cos rapaces e rapazas do CEIP Agro do Muíño. O alumnado deste centro educativo tamén aproveitou a visita para coñecer o salón de plenos da Casa do Concello.
Xunto a esta instalación hai unha azafata-dinamizadora que lle explica o todos os interesados/as cal é o obxectivo desta campaña e anima a todo o público a participar. Ademais, esta instalación urbana estará colocado neste mesmo lugar mañá pola tarde, de 16:30 a 19:30 horas, aproveitando o desenvolvemento do mercado de rúa de Bertamiráns.
Acto aberto a toda a veciñanza
María Eugenia Martín engadiu que “a creación do novo Centro de Información á Muller de Ames é un claro expoñente dese compromiso. Xunto a este novo recurso este ano quixemos sacar a celebración do Día Internacional da Muller á rúa cunha conmemoración que ten un alto contido simbólico a través desta instalación pensada para poder ser construída letra a letra, palabra a palabra, e nome a nome por toda a cidadanía de Ames, para que cada un e cada unha de vós poida contribuír co seu nome ou mediante palabras ou debuxos a expresar como sente a igualdade”.
O obxectivo desta iniciativa é que a cidadanía viva como propia a celebración e sinta en primeira persoa o seu protagonismo na construción en Ames dunha obra creativa común pola igualdade, que en definitiva quere simbolizar a corresponsabilidade de todas as persoas na construción dunha sociedade máis igualitaria. A acción está concibida cun criterio de alto contido visual, de xeito que poida ser obxecto de interese gráfico.
Os cubos son apilables e manexables, co obxectivo de poder formar con eles unha construción final con carácter permanente e servir no futuro como elemento decorativo para actos -xornadas, seminarios, xuntanzas- ou instalacións municipais, por exemplo para colocar no novo CIM de Ames.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, pechou o acto agradecendo a presencia do persoal do CIM, dos traballadores municipais, dos representantes das asociacións e dos nenos e nenas do CEIP Agro do Muíño. Santiago Amor incidiu en que “dende o Concello de Ames vamos seguir traballando e incrementando as políticas de igualdade, que xa se levan feito durante os últimos anos e que nos seguimos realizando”.






