[06-03-2012] O Concello de Ames desenvolverá un completo programa de actividades con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller o próximo 8 de marzo, xornada na que se instalará un panel cun gran lazo violeta na entrada da Casa Consistorial e se facilitarán chapas conmemorativas aos interesados en colaborar na súa difusión. Este ano, sen embargo, aproveitando a celebración da VIII Feira do Comercio Val da Maía no Pavillón Polideportivo de Bertamiráns e co fin de procurar a maior implicación posible da cidadanía, os actos centraranse na xornada do sábado 10 de marzo, na que terá lugar, ás 12,00 horas, a lectura dun manifesto institucional na que participarán representantes dos tres grupos municipais.
A Concellaría de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude instalará no Pavillón Polideportivo o "Mural pola Igualdade", elaborado en colaboración coas bibliotecas municipais, no que se presenta o conto "Paconeves e as sete ananiñas", unha revisión do relato tradicional no que os roles aparecen cambiados coa intención de promover unha reflexión sobre a situación da muller na sociedade. Todos os interesados poderán colaborar deixando a súa mensaxe relacionado co Día da Muller sobre o mural. A cambio, recibirán unha chapa co lazo violeta que conmemora a xornada. Pola tarde, ás 17,00 horas, desenvolverase un obradoiro con nenos que aprenderán a elaborar monicreques mentres se conversa con eles co fin de difundir, tamén a través dos xoguetes, valores de tolerancia e educación non sexista.
A conmemoración do Día da Muller Traballadora terá continuidade a semana que vén, na que os obradoiros de igualdade se trasladarán ás bibliotecas municipais. Así, a Biblioteca de Bertamiráns acollerá a actividade o mércores 14, ás 18,00 horas, mentres a Biblioteca do Milladoiro o fará o xoves 15, tamén ás 18,00 horas.
Enmarcado no seu labor para promover a igualdade entre mulleres e homes, a Concellaría de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude desenvolve desde o mes de febreiro o programa de coeducación "Educar en igualdade". Este programa ten como obxectivo formar o alumnado amiense para que se desenvolva e relacione plenamente sen prexuízos sexistas. Os obradoiros estiveron dirixidos aos nenos e nenas de quinto e sexto de primaria dos centros educativos de Ventín, Agro do Muíño, A Maía e Barouta, onde mañá remata a actividade. Dentro deste programa, que conta cunha subvención da Deputación da Coruña, enmárcanse accións dirixidas á poboación infantil e xuvenil para favorecer a coeducación.