Pestanas principais

O Concello de Ames conmemora o Día Internacional da Muller con actos deportivos e a celebración II Gala do deporte feminino galego

Venres, 08 de marzo de 2013

[08-03-2013] O Concello de Ames, a través das concellarías de Deportes e Benestar Social, concentrou a programación de actos conmemorativos do Día Internacional da Muller, na tarde deste sábado 9 de marzo. Este ano a conmemoración do día da muller está ligada ao deporte. Ás 17:00 horas comezarán os actos cunha exhibición de patinaxe a cargo do alumnado das escolas deportivas. A continuación, haberá un partido de fútbol sala e unha exhibición de boxeo. Pero a actividade principal da programación deste ano é a II Gala do deporte feminino galego, que se desenvolverá dende as 20:30 horas no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Ademais, lerase un manifesto elaborado en consenso entre o Goberno e a oposición. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás ler esta declaración.

Este ano os actos conmemorativos do Día Internacional da Muller están ligados directamente co deporte. Aproveitando a celebración da II Gala do deporte feminino galego no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro e co fin de procurar a maior implicación posible da cidadanía amáiense, os actos desenvolveranse na tarde do sábado 9 de marzo. A programación de actividades comeza ás 17:00 horas cunha exhibición de patinaxe a cargo do alumnado das escolas deportistas de Ames. A continuación, ás 18:00 horas, haberá un partido de fútbol sala entre a selección galega e un combinado de Ames. Por último, ás 19:30 horas, realizarase unha exhibición de boxeo.

Todas estas actividades, que están organizadas polo Concello de Ames en colaboración coa Asociación de Mulleres Deportistas de Galicia (MUDEGA), desenvolveranse no interior do pavillón polideportivo do Milladoiro. Ademais, farase unha recollida de tapóns en favor da asociación Pequenas Ilusións. As persoas que acheguen unha bolsa de tapóns recibirá unha rifa para un sorteo de diferentes agasallos.

A actividade principal é a II Gala do deporte feminino galego, que comezará ás 20:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Neste acto entregáranse os premios ás mellores deportistas femininas galegas. Deste xeito, as medallistas olímpicas galegas Tamara Echegoyen, Sofía Toro e Begoña Fernández recibirán o galardón de mellores deportistas galegas 2012. Haberá outras deportistas e institucións que tamén serán premiadas.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames conmemora o Día Internacional da Muller con actos deportivos e a celebración da II Gala do deporte feminino galego"