[10-03-2012] O Pavillón Polideportivo Municipal de Bertarmiráns acolleu esta mañá o acto central de conmemoración do Día Internacional da Muller organizado polo Concello de Ames, coa lectura da declaración institucional aprobada polos tres grupos municipais con motivo da celebración do 8 de marzo. A concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González, foi a encargada de realizar esta lectura pública acompañada de representantes do goberno municipal e dos grupos municipais socialista e nacionalista. O acto desenvolveuse xunto ao “Mural pola Igualdade”, instalado no Pavillón Polideportivo coincidindo coa celebración da VIII Feira do Comercio Val da Maía e co fin de procurar a maior implicación posible da cidadanía. Premendo na ligazón que está ao pé desta nova poderás escoitar a declaración institucional do Concello de Ames con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller.
O manifesto institucional di o seguinte:
"Neste día 8 de marzo de 2012, Día Internacional das Mulleres, desde o Concello de Ames queremos manifestarnos pola Igualdade real de oportunidades entre homes e mulleres.
Na actualidade, a taxa de actividade feminina é quince puntos inferior á masculina, e perciben un salario anual entorno a un 22% menor que ao dos homes por traballo de igual valor. Súmase tamén a isto o drama do desemprego, con máis de 2 millóns de mulleres que queren traballar e non poden, e as dificultades de conciliación entre a vida familiar, laboral e persoal.
Desde fai tempo as mulleres son maioría nas Universidades, e as que obteñen os mellores resultados en todos os niveis educativos, estudan máis e mellor, porén atopan máis dificultades para o seu acceso ó emprego, para a súa permanencia, e tamén para a súa promoción.
Pero non debemos desalentarnos, xa que cada unha das estadísticas é un motivo para seguir traballando. A igualdade de oportunidades é un elemento clave para relanzar a economía e que saiamos desta crise. Existe unha correlación entre a Igualdade, desenrolo e competitividade. Os países nos que as cotas de igualdade son maiores, tamén son os máis competitivos. Para mellorar isto debemos facer un maior esforzo para incorporar a un maior número de mulleres no mercado laboral, e facelo de xeito que dispoñan das mesmas oportunidades que os homes, en canto a diversificación e promoción profesional e se lles remunere de igual maneira, xa que é indiscutible que a igualdade entre mulleres e homes ten un impacto positivo no crecemento económico.
Tamén a conciliación é determinante na carreira profesional de calquera persoa, sobre todo no caso da muller, que sofre unha sobrecarga desta responsabilidade en relación co home, o que afecta a que en moitos casos deba limitar a súa proxección profesional por razón familiares. Polo que se debe continuar apostando por políticas que garantan este dereito á conciliación e propor novas medidas tendentes a favorecelo.
Desde a Administración local de Ames seguiremos traballando para promover a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres, e remover os obstáculos e estereotipos sexistas que impidan alcanzala, así, logo do I Plan de Igualdade de oportunidades entre homes e mulleres do Concello de Ames, neste ano 2012 comezamos a traballar no II Plan, adquirindo o compromiso de seguir executando e mellorando unha política integral que implique a todas as áreas de xestión municipal na consecución do principio de igualdade.
É preciso pois, que se continúen adicando esforzos a avanzar e reforzar conquistas adquiridas e seguir impulsando actuacións que fagan efectivo o dereito a decidir, a protección eficaz fronte á violencia de xénero, a igualdade no emprego, a igualdade salarial e o dereito á conciliación, en definitiva, á igualdade de oportunidade efectiva entre mulleres e homes en todos os ámbitos da vida".
Programa de actividades
O "Mural pola Igualdade", elaborado en colaboración coas bibliotecas municipais, presenta o conto "Paconeves e as sete ananiñas", unha revisión do relato tradicional no que os roles aparecen cambiados coa intención de promover unha reflexión sobre a situación da muller na sociedade. Todos os interesados poden colaborar deixando a súa mensaxe relacionado co Día da Muller sobre o mural. A cambio, recibirán unha chapa co lazo violeta que conmemora o 8 de marzo.
Esta tarde, ás 17:00 horas, desenvolverase tamén no Pavillón Polideportivo Municipal de Bertamiráns un obradoiro con nenos que aprenderán a elaborar monicreques mentres se conversa con eles co fin de difundir, a través dos xoguetes, valores de tolerancia e educación non sexista. A conmemoración do Día da Muller Traballadora terá continuidade a semana que vén, na que os obradoiros de igualdade se trasladarán ás bibliotecas municipais. Así, a Biblioteca de Bertamiráns acollerá a actividade o mércores 14, ás 18:00 horas, mentres a Biblioteca do Milladoiro o fará o xoves 15, tamén ás 18:00 horas.
Enmarcado no seu labor para promover a igualdade entre mulleres e homes, a Concellaría de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude desenvolveu, desde o mes de febreiro e ata esta mesma semana, o programa de coeducación "Educar en igualdade". Este programa tivo como obxectivo formar o alumnado amiense para que se desenvolva e relacione plenamente sen prexuízos sexistas. Os obradoiros estiveron dirixidos aos nenos e nenas de quinto e sexto de primaria dos centros educativos de Ventín, Agro do Muíño e Barouta.
Premendo na ligazón que está ao pé desta nova poderás escoitar a declaración institucional do Concello de Ames con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller.




