Pestanas principais

O Concello de Ames conmemora o Día Internacional da Auga repartindo o manual de bos usos “En Ames amamos a auga”

Xoves, 22 de marzo de 2018

[22-03-2018] O Concello de Ames vén de editar un libro titulado “En Ames amamos a auga” con motivo da conmemoración do Día Internacional da Auga. Trátase dun manual de bos usos, promovido polas Concellaría de Servizos Básicos e Medio Ambiente, que fala do valor da auga. Deste traballo xa se repartiron máis de 1.000 exemplares polos establecementos comerciais do concello. Ademais, aproveitando a edición deste libro, vanse desenvolver diferentes obradoiros co alumnado dos colexios e institutos. Tamén se está barallando a posibilidade de que o alumnado amesá visite a ETAP de Lens para coñecer o ciclo da auga.

Baixo o lema Unha gota é un océano, o Concello de Ames pon en valor a importancia da auga coa publicación do libro En Ames amamos a auga. Deste xeito, conmemorase o Día Internacional da Auga. Tratase dun traballo que se está repartindo polo comercios de Ames, que recolle un manual de bos usos e tamén fala doutros aspectos como o clima, os ríos, os parques e xardíns, e as rutas e sendas verdes de Ames. Na contraportada tamén hai unha solapa con diferentes teléfonos de contacto de diversos servizos municipais. Os textos foron escritos por Llerena Perozo Porteiro, as ilustración son de Francisco Muñíz, e a portada e maquetación correu a cargo de Nieves Ozores.

Este traballo comeza abordando o tema de A auga e nós, Falemos da auga e O servizo público da auga. Tamén trata Por que debemos aforrar e coidas a auga? e que podemos facer cada un de nós para poder aforrar auga. Outros aspectos importantes dos que se fala neste libro son como educar aos menores na importancia da auga, o ciclo hidrolóxico, e as augas minerais e termais. Remata cun apartado de curiosidade das que debemos tomar nota.

Ademais, aproveitando a edición deste libro, que está promovido polas Concellaría de Servizos Básicos e Medio Ambiente, vanse a desenvolver diferentes obradoiros co alumnado dos colexios e institutos. Tamén se está barallando a posibilidade de que o alumnado amesá visite a ETAP de Lens para coñecer o ciclo da auga.

Un maior coñecemento da importancia e do valor da auga
Na contraportada do libro o alcalde de Ames, José Miñones, explica que “a xestión do ciclo integral da auga é responsabilidade do Concello. En cumprimento das prioridades fixadas por este goberno municipal xa desapareceu dos recibos aquel inxusto concepto de pagamento de consumo mínimo, beneficiando deste xeito ás familias e ao comercio, principalmente. En Ames, agora págase só a auga que consuminos”.

Miñones continua dicindo “ademais, nos procesos de mellora do servizo de auga potable e de saneamento emprendemos diferentes accións das que estamos vendo os resultados. Poden resumirse nunha mellor comunicación da concesionaria do servizo coa cidadanía, un mellor coñecemento das instalacións e da rede para evitar avarías ou reparalas con rapidez, unha menor perda de auga potable na condución, un máis eficaz tratamento das augas do río Tambre, etc. En definitiva, este libro é un manual de bos usos, pensado para que, empezando polas familias, academos un maior coñecemento da importancia e do valor da auga”.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames celebrou o Día da Auga mediante a edición dun manual de bos usos"